O Recorda Fest pon hora á súa cuarta edición
O festival celebrará os días 4 e 5 de setembro no Muelle de Batería da Coruña dúas xornadas de música con Hombres G, La M.O.D.A., Juan Magán, Taburete, Sidecars ou Álvaro de Luna entre os principais nomes do cartel.

O Recorda Fest xa ten horarios para a súa cuarta edición. O festival regresará ao Muelle de Batería da Coruña os días 4 e 5 de setembro cun total de 16 actuacións que se estenderán desde media tarde ata ben entrada a madrugada.
O venres 4 será Pavlenha quen abra o festival ás 15:45 horas, seguida de Mafalda Cardenal e das Recorda Sessions, que reunirán sobre o escenario a varios nomes do pop dos 90 e dos 2000. A noite quedará para Sidecars (21:00), La M.O.D.A. (22:45), Cali y El Dandee (00:40) e Juan Magán (02:15), encargado de pechar a primeira xornada.
O sábado 5 a música arrancará ás 15:30 horas con Hydn. Ao longo da tarde pasarán polo escenario Hey Kid, Inazio e Marlon, antes dunha das secuencias máis potentes da edición: Taburete ás 20:30, Hombres G ás 22:20 e Álvaro de Luna ás 00:35. A festa continuará con Modo Perreo e rematará ás 03:10 horas con Galician Army.
*As últimas entradas de día e os abonos para o festival continúan á venda na web oficial do Recorda Fest. Consulta aquí.



