O ‘queer’ fala galego

Aínda que non chegaron a Eurovisión, a actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest de 2022 pasará á historia da música galega. O máis rechamante e comentado foi ver como tres mulleres cantando en galego e tocando a pandeireta lograron coarse na final do concurso musical e chegaron a ser, para unha clamorosa maioría do público (70 %), a opción favorita para representar a España en Eurovisión. A mensaxe que querían transmitir era sinxela: «non hai fronteiras». Aída Tarrío e mais Olalla e Sabela Maneiro subiron ao escenario vestindo pantalón negro, mentres que os dous bailaríns que as acompañaban, Artur Puga e Fran Sieira, levaban saia; os cinco ían maquillados en tons acibeches e dourados. Esta posta en escena xogaba coa ambigüidade entre o feminino e o masculino e cuestionaba o binarismo establecido.

Agrocuir | Cedida

Este é o punto de partida dun estudo publicado recentemente en Galicia 21 polo investigador Daniel Amarelo,quen explica que«foi a partir dese momento cando se iniciou un boom». Desdeo fenómeno Tanxugueiras, «diferentes formas de tradición e folclore empezaron a ser usadas por proxectos artísticos, sobre todo musicais pero non só, para mostrar unha outra imaxe do país, unha outra imaxe do que podía ser Galicia, a cultura galega e a galeguidade», sinala este filólogo de profesión, que a través deste estudo analizou como individuos e comunidades queer están revitalizando a lingua e a cultura galegas. Ademais das citadas Tanxugueiras, Amarelo menciona outros exemplos nesta mesma liña, como Mercedes Peón, Mondra, Xisco Feijoo, Fillas de Cassandra, O Rabelo ou Rodrigo Cuevas. Este último, aínda sen ser galego, arrancou a súa carreira cando estaba establecido na nosa terra e empregou a lingua galega e a nosa tradición no seu traballo.

ESCENICAS

Ánxela Lema | Cedida

«A sensibilidade polo queer implica unha sensibilidade pola nosa lingua»

Ánxela Lema, investigadora e escritora

Antes de mergullarnos na relación do queer co movemento cultural galego actual, a investigadora e escritora Ánxela Lema axúdanos a afondar no concepto de queer, que define como «unha ferramenta que nos permite ollar desde unha perspectiva crítica todo o que é a cisheteronorma e a mononorma, e que nos convida a reflexionar sobre como nos identificamos e como nos relacionamos, así como a gañarmos consciencia de que nos movemos a través de ficcións que acordamos colectivamente como un xeito de nos agrupar, de nos organizar e de loitar de maneira conxunta, máis sendo conscientes de que o horizonte sería non termos que depender de todas estas categorías». Segundo Lema, non se pode facer loita queer sen facer loita da lingua: «Non podemos decidir a que disidencias ou minorizacións atendemos e a cales non. Non podemos facer unha pirámide de opresións e dicir que unhas son máis importantes que outras. Creo que obrigatoriamente a sensibilidade polo queer implica unha sensibilidade pola nosa lingua». En palabras de Amarelo, «a minorización e a desposesión que temos como país fai que esteamos en construción constante, e estar en modo interrogativo é profundamente queer».

Bea Saiáns | Cedida

«A maior diversidade nos equipos, maior diversidade nas pantallas e maior transformación social nas rúas»

BARAFUNDA
Bea Saiáns, codirectora de Cru Producións

A historiadora Daniela Ferrández deixa patente no libro A defunción dos sexos (Xerais, 2022) que, malia ser unha categoría política contemporánea, o queer non é nada novo. Segundo recolle nesta pequena enciclopedia sobre a historia LGBT galega, as disidencias e as incomodidades co xénero e coa heteronorma sempre estiveron presentes, tanto na cotiandade como representadas na cultura. Aínda que existían, non se referenciaban, e por iso é tan laborioso e valioso o traballo que leva anos desenvolvendo Ferrández. Daniel Amarelo sitúa nos anos 2018-2019 a punta de lanza dun pensamento queer que propiciou a aparición de numerosos estudos académicos, publicacións de libros, xornadas, eventos e creacións artísticas como as xa amentadas, ou mesmo a estrea en 2018 de Nove de novembro, o primeiro filme LGBT galego, dirixido por Lázaro Louzao. En medio desta onda expansiva naceu Cru, a produtora de cinema independente con base en Vigo creada en 2022 por Bea Saiáns e Iris Justo «coa vontade de paliar as desigualdades no sector audiovisual, un sector que ten a capacidade de crear imaxinarios colectivos moi potentes cunha repercusión directa en como nos achegamos á realidade». Unha das premisas de Cru é a de traballar con equipos formados por mulleres e persoas LGBTQIA+. A ecuación é fácil: «A maior diversidade nos equipos, maior diversidade nas pantallas e maior transformación social nas rúas». Segundo Saiáns, non se trata de abordar temas LGBT, senón de facer unha aproximación queer a calquera tema. Pon de exemplo a serie de tres capítulos de humor surrealista Delirio Sketchs, que segundo a directora está atravesada en contido e forma polo queer, pero non fala de ser LGBT nin conta ningunha historia LGBT, a pesar de que todo o elenco pertence ao colectivo. A directora viguesa avoga por ser valentes e ser queer tamén nas formas, «facer produtos audiovisuais —filmes, series, curtas— que tamén innoven na maneira de contar, que dalgún xeito non encaixen en ningún lugar», e gustaríalle que como público nos atrevamos a abrir a mirada: «Creo que fan falta espazos aos que a xente vaia ver pezas underground feitas por persoas que acaban de comezar, que vaian escoitar poetas que aínda non publicaron nada… Paréceme necesario facer un traballo de troco que implique que quen vai escoitar teña que achegarse».

Marta Álvarez | Cedida

«O Agrocuir reivindica a nosa forma de vida no rural e ante Altri non podiamos quedar paradas»

Marta Álvarez, organizadora do Agrocuir

Uns anos antes, concretamente en 2015, celebrouse na comarca da Ulloa a primeira edición do Agrocuir, un festival pola liberdade sexual, afectiva e de xénero no rural. Xerminou no corazón de Granxa Maruxa da man de Marta Álvarez e un equipo de persoas voluntarias. «O Agrocuir naceu da necesidade que xente que levamos aquí vivindo moito tempo tiñamos de celebrar a nosa diversidade sen termos que marchar á cidade para festexar o Orgullo», explica esta viguesa que en 1992 marchou estudar a Lugo e anos despois se instalou na casa familiar de Monterroso, onde se puxo á fronte da granxa que aínda rexenta e da que cada día sae leite ecolóxico acabado de muxir. Marta e as súas compañeiras querían crear un evento que escapase da lóxica capitalista das cidades e que fose aberto a todo o mundo; tanto é así que o festival non cobra entrada e basea o seu financiamento nas achegas voluntarias das persoas asistentes. «Quixemos recuperar a idea de romaría, esas celebracións que se fan polo día á sombra dun souto. A nosa intención non era escondernos nin converter aquilo nun gueto, senón todo o contrario: queriamos que fose un acto aberto a todo o mundo». Para Marta, o grande orgullo foi conseguir que calase entre a xente da comarca, que hoxe está implicada ao cen por cento. A granxeira viviu de primeira man a renovación da música tradicional galega tras o boom das Tanxugueiras e, na súa visión, «esta eclosión é síntoma de que estamos orgullosas da nosa cultura, algo que é fundamental. A partir de aí, ti, como persoa, como artista, comezas a construír desde a tradición pero facéndoo a túa maneira, e iso é moi queer».

Daniel Amarelo | Cedida

«A loita contra o abandono do rural desde a colectividade e desde o queer é moi poderosa»

Daniel Amarelo, filólogo e investigador

Nas primeiras edicións do festival pasaron por Monterroso artistas como Mercedes Peón, as propias Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas ou Baiuca, e alcanzou tal sona que tras o evento de 2019 as organizadoras decidiron que tiñan que poñer en marcha un plan de decrecemento, pero os intereses da macrocelulosa Altri non llelo permitiron. «Ante aquela ameaza non podiamos ficar quietas. O Agrocuir non é só un festival de reivindicación das diversidades sexuais, o Agrocuir reivindica a nosa forma de vida no rural e ante esa ameaza tiñamos que unir forzas e empregar o altofalante que temos para paralo». Un sentimento e unha loita que conectan co concepto de ruralidades queer, ás que, segundo Daniel Amarelo, Galicia ten moito que achegar: «Festivais como o Agrocuir dan unha imaxe ao mundo de que eses espazos rurais son habitables, son lugares vivibles e desfrutables para as persoas queer, unha idea que axuda a romper con moitos estereotipos». Para Daniel Amarelo, unha das ideas máis esperanzadoras é que desa reconexión co espazo natural xorde a loita política: «As persoas que o habitan non queren o abandono rural ao que as condenan os gobernos e o sistema económico en que vivimos, queren loitar contra iso, e desde onde poden facer esa loita é desde a colectividade e desde o queer, e iso é moi poderoso».

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.