PortAmérica prepara a súa edición de 2026 con talento galego (e vigués)

Grande Amore, Eladio y Los Seres Queridos e The Rapants son as primeiras confirmacións para o Festival PortAmérica 2026, que se celebrará na Azucarera de Portas os días 9, 10 e 11 de xullo. Xa podes mercar aquí os teus abonos.

Eladio y los Seres Queridos | María Pol

PortAmérica xa acendeu a mecha da súa décimo cuarta edición, e faino mirando á casa, con tres nomes que son pura adrenalina e autenticidade galega. Esta primeira vaga de confirmacións é toda unha declaración de intencións: música sen etiquetas, enerxía desbordante e talento de proximidade.

The Rapants, desde Muros, son unha explosión de pop, garage e disco que fai bailar sen descanso. Desde 2018 levan a súa “adrenalina rapante” por toda a Península Ibérica, contaxiando ao público con diversión e intensidade sen límites.

The Rapants nun concerto | P. Vázquez

Grande Amore é o máis ruidoso da súa xeración. Aquí non importa a perfección técnica: todo é guitarra, ritmo, voz e actitude. Antes de subir ao escenario parecen Looney Tunes; durante o concerto, tamén, pero cunha distorsión que os fai únicos. O seu lema: «O noso instrumento é a actitude».

Eladio y Los Seres Queridos son unha institución da música independente española. Pop, indie, folk e canción de autor mestúranse en melodías precisas e letras frescas, reflectindo máis de dúas décadas de carreira. O seu último traballo, B.S.O 2005-2025, é unha antoloxía en directo con cancións emblemáticas e colaboracións de Eva Amaral, Depedro, Vega, Fillas de Cassandra ou Pucho de Vetusta Morla.

Grande Amore nun concerto | P. Vázquez
REVISTA NADAL

Os vigueses inaugurarán os Directos PortAmérica desta edición, unha serie de concertos que o festival organiza xunto a FNAC como anticipo da súa próxima edición. Ofrecerán unha dobre cita de showcase e sinatura de discos: a primeira terá lugar en FNAC A Coruña, este venres 21 de novembro ás 19:00 h e a segunda en Vigo, o sábado 29 de novembro á mesma hora.