O patrimonio industrial de Vigo busca o recoñecemento como Ben de Interese Cultural
A plataforma BeiramarDaXente, que agrupa a unha ducia de colectivos veciñais e culturais, organiza dúas semanas de encontros, roteiros e debates para presentar as solicitudes de Ben de Interese Cultural dos edificios industriais da cidade.

Vigo non se entende sen a súa industria, pero o seu patrimonio arquitectónico e social corre o risco de desaparecer ou quedar no esquecemento debido ás decicións urbanísticas. Baixo esta premisa nace BeiramarDaXente, unha unión de forzas entre as asociacións A. C. As da Industria, A.V.V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas da Árbores Vigo, C.S. A Revolta, C.S. Faisca, A. C. Vila De Bouzas, Vigo Baleiro e NewtCrafts. O obxectivo é convidar á cidadanía a dialogar sobre a situación cultural, urbanística e dotacional de Vigo, analizando como estes inmobles históricos poden ser a clave para paliar as deficiencias identitarias da nosa cidade.
O programa de actividades, que se estenderá durante a segunda quincena de abril, céntrase na divulgación das solicitudes para catalogar o patrimonio industrial de Vigo como Ben de Interese Cultural (BIC). As actividades inclúen unha mesa redonda con expertos sobre cultura, así como varios roteiros guiados gratuítos que percorren espazos emblemáticos da historia industrial da cidade como a factoría Alfageme ou o polígono de Beiramar. O acto central terá lugar o 23 de abril no IES Santa Irene. Alí, o equipo redactor das solicitudes BIC presentará á cidadanía o traballo técnico de catalogación, nun acto que contará coa participación de membros de todos os colectivos que conforman BeiramarDaXente.
Programa
14 de abril ás 19:00, A Morada – Presentación das solicitudes BIC e debate coa veciñanza. Presentación de novos vídeos de Memoria dunha cidade industrial.
17 de abril ás 19:00, Redeiras – Mesa redonda sobre cultura, dotacións e apoio institucional. Participan: Tamara Novoa (A Movida), Juan Castro (Abella Producións, GFFF, The Wild…), Sarai González (As da industria) e Raúl Bermúdez (ChaChaCha, Maraca, Cerativa). Moderan: Betty Romero e Davida.
19 de abril ás 11:00, Roterio Alfageme – Free Tour pola contorna de Factoría Alfageme de Bouzas. Participan: Mariña López, Puri Pérez e Davida.
20 de abril ás 20:15, AVV Curva de San Gregorio – Presentación das solicitudes BIC e debate coa veciñanza. Presentación de novos vídeos de Memoria dunha cidade industrial.
21 de abril ás 20:00, CS A Revolta – Presentación das solicitudes BIC e debate coa veciñanza.
23 de abril ás 17:30, IES Santa Irene – Presentación á cidadanía das solicitudes de catalogación BIC do patrimonio industrial de Vigo. Participan: Sarai González, Ángel Vila, Mariña López, Eva Rodríguez e David Amoedo (equipo redactor BIC). Membros das asociacións e colectivos que conforman #BeiramarDaXente.
24 de abril ás 19:00, CS A Nubeira – Presentación das solicitudes BIC e debate coa veciñanza. Presentación de novos vídeos de Memoria dunha cidade industrial.
25 de abril ás 11:00, Roterio Conserva e Frío – Free Tour polo patrimonio industrial da praza da industria e o Polígono industrial de Beiramar-Jacinto Benavente. Participan: Mariña López, Sarai González e Davida.
29 de abril ás 16:00, Aula D – Roteiro có alumnado polo patrimonio industrial do polígono industrial de Beiramar-Jacinto Benavente.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Hard GZ, Golpes Bajos e Killer Barbies no novo festival de Vigo - 13 Maio, 2026
- Editatona para visibilizar as escritoras galegas - 12 Maio, 2026
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026
- ‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira - 8 Maio, 2026
- O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles - 29 Abril, 2026


