REVISTA VERAN

O músico galego Alberto Busto organiza un stream benéfico por Palestina en Twitch

A canle de Twitch Falemos de música de Alberto Busto, integrante de Arrhythmia ou Rebeliom do Inframundo, realizará un directo o mércores 2 de xullo con numerosos sorteos a través de rifas de produtos galegos: discos, camisetas, libros, produtos de artesanía ou entradas para festivais e teatro. Os fondos recadados, que xa superan os mil euros, serán enviados a dúas organizacións especializadas na axuda a Palestina. Preme aquí para mercar a túa rifa desde cinco euros.

Alberto Busto nun concerto con Rebeliom do Inframundo | Lara Alonso

Un sorteo benéfico de numerosos produtos culturais galegos a través de Twitch para recadar fondos por Palestina. Esta é a iniciativa que terá lugar o próximo mércores 2 de xullo na canle Falemos de música de Alberto Busto. A través da compra de rifas, as persoas participantes formarán parte de todos os sorteos nos que poderán gañar produtos galegos como entradas a festivais ou teatro, merchandising de grupos de música, DVD, libros ou produtos de artesanía, entre outros moitos.

As rifas, que teñen un custo de 5 euros cada unha, comezáronse a vender este pasado domingo ao mediodía na plataforma de Woutick. En 24 horas a iniciativa xa recadou máis de 700 euros. Os boletos estarán dispoñibles ata o final do directo, para que o público poida comprar e participar nos sorteos no mesmo momento de emisión, no que se agarda realizar máis de 50 sorteos. Ademais, Busto agradece á “empresa galega Woutick que non nos vaian cobrar os gastos de xestión para que poidamos recadar os máximos fondos posibles”.

Todo o recadado coas rifas será doado a dúas organizacións: Movemento Boicot, Desinversión e Sancións (BDS) e a Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), enfocadas na axuda a Palestina desde dous enfoques diferentes.

Por unha banda, o BDS é “un movemento de liderado palestino pola liberdade, a xustiza e a igualdade que sostén que o principio elemental é que os palestinos e palestinas teñen os mesmos dereitos que o resto da humanidade. Instamos a actuar para que se exerza unha presión a Israel para que respecte o dereito internacional do pobo palestino”, segundo destacan dende a propia organización. Pola outra banda, a UNRWA trata de “garantir o acceso á educación, sanidade, axuda humanitaria e servizos sociais aos refuxiados e refuxiadas que viven acollidos en Siria, Líbano, Xordania e o territorio palestino ocupado – franxa de Gaza e Cisxordania-”, explican. Esta organización está financiada “case na súa totalidade polas contribucións voluntarias dos Estados membros da ONU”, detallan.

Tras unha votación popular no perfil de Instagram de Alberto Busto decidiuse que o 42% do recadado irá destinado ao Movemento BDS e o 58%, a UNRWA. “Parecíame o máis xusto despois de ter en conta os máis de 300 votos que houbo na enquisa”, relata o organizador da iniciativa.

Os numerosos sorteos, aos que poderán optar as persoas que merquen as súas rifas, serán de produtos doados por artistas galegos: merchandising de bandas como Rebeliom do Inframundo, Deleiba, Hugo Guezeta, Anxo Araujo, Loita Amada, Seitura, A Banda da Loba ou Sabela, entre outros moitos, e tamén de salas como a Rebullón; un DVD do filme A Esmorga; entradas para os festivais galegos A Candeloria, Castelo Rock, Murallón de Son e As Revenidas ou a obra de teatro As desterradas; produtos artesanais como un taboleiro coas súas pezas de madeira inspirado na aclamada serie Gambito de dama, doado por Buah, ou libros de temática músical como Son da cidade (Editorial Galaxia) ou Galicia MusiCalidade.

Os proxectos e artistas que queiran doan algún produto poden facelo ao longo destes días a través do formulario que está dispoñible no perfil de Instagram de Alberto Busto (@alberto_busto_ ). Durante as próximas xornadas estará dispoñible unha pequena web onde as persoas poderán consultar os fondos acabados – que se actualiza de xeito automático- e as doazóns realizadas, que se engaden a medida que os doantes confirman os produtos.

RIO VERBENA

Do mesmo xeito, as gañadoras ou gañadores recibirán os seus premios grazas as xestións da produtora viguesa Galunk: “Eles son os que me axudarán na parte burocrática e fiscal para poder repartir as doazóns do xeito máis legal, transparente e seguro”, detalla Alberto. Do mesmo xeito, cabe sinalar que non é preciso estar no directo do próximo 2 de xullo para poder optar aos sorteos.