O Museo Liste convoca un concurso de fotografía que invita a mirar cara o porto
O Museo Liste – Museo Etnográfico de Vigo vén de convocar a décimo terceira edición do seu Concurso de Fotografía, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que se celebra con motivo do Día Internacional dos Museos, o vindeiro 18 de maio. Nesta ocasión, o certame propón como fío condutor o lema “No peirao”, unha temática que invita a mirar cara ao porto como espazo de encontro entre o mar e a terra, cargado de simbolismo, memoria e actividade cotiá.

O concurso pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica fotográfica, poñendo o foco en aspectos históricos, artísticos, etnográficos e antropolóxicos. As obras presentadas serán avaliadas polo xurado atendendo a tres criterios fundamentais: o valor estético das imaxes, a calidade técnica e o seu interese documental como testemuña gráfica da realidade.
A temática desta edición sitúa o porto como protagonista: lugar de chegada e partida, refuxio, espazo de traballo e escenario de múltiples tarefas como a descarga de peixe, o arranxo dos aparellos, a construción naval, o transporte de pasaxeiros ou mesmo o deporte e a pesca recreativa. Desde o Museo Liste destacan o carácter inspirador deste ámbito, co obxectivo de que fotógrafas e fotógrafos consigan “captar a súa alma” a través da cámara.
O prazo de recepción das fotografías estará aberto do 1 de febreiro ao 21 de abril de 2026. Poderán participar persoas maiores de 18 anos, cun máximo de tres obras por autor ou autora, sempre que sexan fotografías orixinais, inéditas e realizadas expresamente para este concurso. As imaxes deberán enviarse en formato dixital ao correo didactica@museoliste.org, cumprindo as especificacións técnicas recollidas nas bases.
O xurado estará composto por profesionais da fotografía, expertos en etnografía e patrimonio, así como representantes da Fundación Liste e do persoal técnico do museo. O fallo farase público a partir do 7 de maio de 2026, tanto no blog do Museo Liste como nos medios de comunicación.
En canto aos premios, o certame establece un primeiro premio dotado con 200 euros en metálico, ademais de dous accésits que recibirán unha figura conmemorativa. A entrega de galardóns terá lugar o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, na sede do museo.


