Talento local, sons urbanos e electrónicos, mercado e sustentabilide na xornada ‘Mar de Galicia’

O sábado 18 de xullo o Museo do Mar converterase en escaparate da cultura contemporánea coa celebración da xornada cultura ‘Mar de Galicia’ que abrangue concertos -con Cecilio G como cabeza de cartel-, música electrónica, mercado e actividades medioambientais e desportivas.

A cultura contemporánea, o respecto polo medio ambiente e a identidade mariñeira danse a man en Vigo. Esta mañá presentouse en rolda de prensa a Xornada Cultural Mar de Galicia, unha iniciativa multidisciplinar e de carácter accesible que busca situar o mar no centro da vida social e cultural da cidade, reforzando o vínculo histórico que une aos vigueses coa súa ría.

O evento, concibido para todos os públicos e cun enfoque marcadamente interxeracional, desenvolverase o vindeiro sábado 18 de xullo de 2026, activando de forma sostible os distintos espazos arquitectónicos e naturais do Museo do Mar de Galicia e a súa contorna inmediata. Trátase dunha proposta cun formato semi-gratuíto: o acceso á totalidade dos concertos terá un prezo de oito euros (+ gastos de xestión), mentres que para os menores de 18 anos a entrada será completamente gratuíta.

Situado na zona de acceso e o aparcadoiro principal do museo, o Escenario Río constituirá o punto álxido da música urbana e as linguaxes musicais contemporáneas dirixidas á mocidade. Cun aforo xestionado de xeito respectuoso coa arquitectura do espazo, o seu cartel inclúe o grupo nacional Cecilio G como cabeza de cartel, xunto a unha coidada selección de artistas galegos locais e emerxentes como Tekilas, Xiari, Adan e LosDeLa9.

Na parte traseira do complexo, aproveitando a súa singular abertura visual cara á ría, sitúase o Escenario Xanela. Este espazo resgardado acollerá propostas de pequeno e medio formato orientadas ao punk, o hardcore e o rock de guitarras, servindo de altofalante a bandas locais recoñecidas como Zalomon Grass e Youcanthide, ademais de nomes emerxentes como LoraHacePam e Dulce Compañía.

Por outra banda, o interior das salas expositivas e espazos acristalados (cun custo específico de 3€) transformarase no Espazo Río Lagares. Alí ofrecerase unha experiencia sonora inmersiva de música electrónica e experimental dirixida por Pálida, figura de referencia na electrónica galega e ex-membro do colectivo Metamovida.

Máis alá da música, a xornada pon o foco nos hábitos saudables e o coidado do ecosistema mariño. Na Zona Espigón potenciaranse as actividades físicas a través de regatas de piraguas dobres abertas a categorías infantil e adulta a partir dos 7 anos.

O apartado de concienciación e divulgación ambiental situarase no espazo Conciencia Azul (Escenario Xanela), coa participación de proxectos de economía circular como Lixo Atelier (reutilización creativa de residuos mariños das praias), Vazva (creación de roupa con lixo mariño) e os relatorios de Raquel Nogueira, bióloga e doutora en Ciencia e Tecnoloxía Alimentaria pola Universidade de Vigo, ademais de integrante de Diving Rías Baixas.

O percorrido conectarase de xeito fluído grazas ao Mercado Salitre —un espazo dedicado á segunda man, autoedición e marcas galegas independentes— e a unha zona central de servizos que contará con foodtrucks, barras de bebida, barras de vermú, zonas de descanso (lounge) nos xardíns da baixada e animación de DJs.