O mural solidario de Eva Casais en Os Biosbardos opta a ser o mellor do mundo

A protectora de animais Os Biosbardos, situada en Ponteareas, podería acadar unha visibilidade sen precedentes grazas á última intervención artística da muralista viguesa Eva Casais. A obra, que enche de cor as instalacións do refuxio, foi nomeada pola plataforma Street Art Cities como candidata a mellor mural do mundo do mes de agosto de 2025. Este recoñecemento é especialmente significativo, xa que o mural foi creado de forma gratuíta, con materiais doados e sen grandes infraestruturas, nacendo do puro amor pola arte e polos animais. Preme aquí para votar polo mural de Casais.

As tres novas obras de Eva Casais en Os Biosbardos | Cedidas

A iniciativa para este proxecto xurdiu a través dunha das alumnas de Eva Casais, quen ademais de muralista é profesora de pintura e cerámica non seu propio estudio. . Segundo a propia artista, “unha das miñas alumnas é voluntaría de Os Biosbardos e sempre estamos a falar dos animais e da prote. Un día díxome que se me apetecía volver pintar outro mural alí”, explica. Di “outro” porque hai tres anos que Casais, tras un chamamento público da protectora, encheu de cor algunhas das paredes do centro, e xa non se desvinculou do proxecto. Nesta ocasión Casais tampouco dubidou: “Díxenlles que cando quixeran”.

Para poder abarcar unha maior superficie das instalacións, Eva Casais buscou voluntarios e tivo éxito na súa busca: Ana, María, Susana, Moi, Dani e Isabel cos seus dous fillos achegáronse a Ponteareas para facilitarlle o traballo á artista. “Grazas a eles a protectora ten moitos máis muros pintados”, agradece Casais. A solidariedade tamén veu da man de Pinturas EGA, cuxo responsable, Juancho, se involucrou persoalmente: “Juancho chamoume e díxome que me esquecera das pinturas, porque as poñía el”. O xesto débese ao amor compartido polas causas sociais, xa que, segundo Casais, “el sempre está aí cando fago proxectos deste tipo”.

A nova obra, que presenta a un gato e un can como figuras principais xunto con outros elementos noutras paredes como un paxaro, un coello e flores, busca dar nova vida a este espazo e visibilizar o incansable labor de Os Biosbardos. A elección do tema tamén ten un forte compoñente de concienciación sobre a adopción e a protección animal, unha das grandes preocupacións da artista. De feito, o ano pasado Casais fixo un mural dentro do festival Vigo Cidade de Cor na  Asociación de Vecinos de Matamá one tamén retrataba a unha serie de animais viaxando en tren cara a Estación do Ceo, “dedicado a todos os animais que morren sen saber o que é o amor dun fogar”.

FAITE AMOVIDALOVER

A candidatura por Street Art Cities, unha plataforma dixital que buscar crear un mapa global da arte urbana, encheu de emoción á artista, quen presentou o mural o mes pasado. A sorpresa é aínda maior tendo en conta a forte competencia: “A competición é moi dura porque en agosto é cando se adoitan facer os festivais de arte nos concellos, con grandes infraestruturas e investimentos monetarios moi importantes. Isto non deixa de ser un mural gratuíto feito con materiais doados, con voluntarios e con moito amor. Iso temos máis nós que o resto”, asegura. De feito, a nominación xa está a ter un impacto notable, pois, como confesa, “hoxe chegoume a noticia de que está de número catro do mundo e estou alucinando. É unha sorpresa para min”.

Para que o mural de Os Biosbardos poida acadar o título de mellor do mundo, é fundamental a participación popular. As votacións xa están abertas na web de Street Art Cities e o público pode votar ata o 10 de setembro. Para atopar a obra, Eva Casais explica que a mellor forma é facer click na lupa e escribir o seu nome.

Alén do recoñecemento persoal ao seu traballo, esta candidaturaxa está a cumprir un dos seus principais obxectivos: sensibilizar á cidadanía sobre as grandes necesidades das protectoras de animais e lembrar que “por cada animal comprado, outro morre sen ser adoptado”, sintetiza nun vídeo subido nas redes sociais.

The following two tabs change content below.