O Miño énchese de música sinfónica da man da Orquestra Clásica de Vigo

Este mes de agosto, a Orquesta Clásica de Vigo volve construír pontes na fronteira con Portugal coa segunda edición do ciclo Concertos ás Beiras do Miño. Cun repertorio de música de Ludwig van Beethoven, ofrécense catro concertos nas vilas de As Neves, Melgaço, Caminha e A Guarda.

Imaxe extraída do perfil de Facebook da Orquesta Clásica de Vigo

Esta iniciativa transfronteiriza, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, ten un obxectivo claro: achegar Galicia e Portugal a través da música de orquestra. Trátase dunha oportunidade excepcional para coñecer estas localidades limítrofes —en espazos únicos como castelos, igrexas, parques ou prazas— ambientadas con música de primeiro nivel.

XORNADA XUNTA

O programa desta edición xira arredor da obra de Beethoven, cuha selección que inclúe a abertura de As criaturas de Prometeo e a emblemática Sinfonía n.3 en mi bemol maior, Op.55, coñecida como Heroica, unha peza clave na historia da música europea. As actuacións serán conducidas polo director titular e artístico da Orquesta Clásica de Vigo Manuel Martínez Álvarez-Nava.

Este ciclo musical busca potenciar a colectividade e tecer lazos entre comunidades, a través da música ao aire libre, en espazos privilexiados e seleccionados coidadosamente. En consecuencia, a entrada é de balde para que todo o mundo poida gozar destas veladas.

A programación é a seguinte:

  • 2 de gosto, 21:30 h: As Neves. Praza Maior.
  • 6 de agosto, 21:30 h: Melgaço. Alameda de Inês Negra.
  • 13 de agosto, 22:00 h: Caminha. Largo Calouste Gulbenkian.
  • 16 de agosto, 21:00 h: A Guarda. Auditorio de San Bieito.

Unha orquestra histórica

A Clásica é a orquestra decana de Galicia, nada no 1984 e consolidada na cidade de Vigo con programacións anuais que apostan pola diversidade na música. Co paso dos anos, diversificaron a súa oferta con propostas de danza, cinema en directo e bandas sonoras, entre outros. A formación acolleu a máis de 650 instrumentistas de toda Galicia e do Norte de Portugal, buscando sempre a pluralidade na música clásica tradicional. Unha parte importante do seu traballo é a posta en valor de espazos emblemáticos. Nas últimas datas, organizaron as Verbenas na Caridade , un ciclo musical no patio da Fundación Casa Caridad, o único claustro barroco na cidade olívica. Deste xeito, buscan un diálogo entre o escenario e a música sinfónica, ofrecendo unha proposta coherente e enriquecedora.