O Marisquiño, un mercado de arte e máis festas que Vigo acolle esta fin de semana

Esta fin de semana é unha das máis importantes no calendario estival de Vigo. Ademais da 25ª edición do Marisquiño, a cidade olívica acolle outras festas, un mercado de arte, actuacións musicais e moito máis. Estes son os dez eventos culturais que non podes perder esta fin de semana en Vigo. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

O Marisquiño 2024 | L. Alonso

O MARISQUIÑO – Do xoves 7 ao domingo 10 todo o día na praia de Samil – De balde

O Marisquiño celebra a súa 25ª edición fronte ás Illas Cíes na praia de Samil. Trátase dunha das datas máis importantes do calendario vigués, que reúne cada ano a familias, deportistas de talla internacional, afeccionados da cultura urbana e xente de distintas partes do mundo. Para non perder detalle da oferta desta edición histórica, consulta o noso artigo.

VIII MONA, MERCADO DE ARTE – Do xoves 7 ao sábado 9 de agosto de 11:30 h a 21:00 h no CC Gran Vía – De balde

O Centro Comercial Gran Vía acolle a oitava edición de MONA, Mercado de Arte. Durante tres días, máis de trinta expositores encherán o centro comercial de arte, artesanía e deseños únicos. Cada xornada contará con artistas diferentes, ofrecendo unha experiencia fresca e chea de creatividade.

FESTA DA CERVEXA- Do venres 8 ao domingo 10 todo o día na terraza do CC A Laxe- De balde

VigoPlan Events organiza a segunda edición da Festa da Cervexa na azotea do Centro Comercial A Laxe, un evento aberto e gratuíto que reúne aos amantes da cervexa, a música en directo e a gastronomía nun ambiente único con vistas ás Cíes. Haberá postos de diferentes tipos de cervexa, incluíndo propostas artesanais locais e marcas recoñecidas, ademais de concertos en vivo e un DJ local.

MALA HERBA – Venres 8 de agosto ás 20:00 h no Chiringuito de Alcabre. De balde

No marco da programación para o mes de agosto do Chiringuito de Alcabre, este venres acollen o concerto de Mala Herba, o duo de guitarra e percusión de Vigo, que interpreta versións de pop rock e rumbas. Trátase dunha boa oportunidade para gozar da música fronte ao mar, nun ambiente único e tranquilo.

CONCERTO DE COCHAMBRE- Venres 8 ás 21:00 h en Villa Solita- De balde

Curiosidades Solita é proxecto cultural onde a música é protagonista, organizado os venres ás 21:00 h en Villa Solita, un enclave rehabilitado polo Concello de Vigo para recuperar unha parte do patrimonio histórico da cidade. Este venres é o turno de Cochambre, un cuarteto de death metal orixinario da cidade de Vigo. Xorden en 2004, pero non é ata 2012 que deciden ir en serio co proxecto.

FESTA SAN LOURENZO EN CORUXO- Do sábado 9 ao luns 11 todo o día en Coruxo- De balde

A programación para as festas de San Lourenzo en Coruxo inclúe, entre o 9 e o 11 de agosto, distintas actuacións musicais e dúas tiradas de bombas. Sete Cuncas, o Grupo Sheiva, a Orquestra compostela, o Trío Matices, A Buxaina, a Unión Musical de Coruxo, Furia Joven das Canarias, o Trío Tic-Tac, a Charanga Os Tamega, Os Ventos da Comesaña, o Grupo Claxon e, por último, a Euphoria Disco Show, son todas as actuacións programadas.

FIESTA DE LA ESPUMA EN VIALIA- Sábado 9 de agosto ás 18:00 h no CC Vialia- De balde

Máis aló das praias e as piscinas, o CC Vialia ofrece unha forma divertida para combatir as altas temperaturas que se están a rexistrar na cidade de Vigo. A cativada pode gozar da festa da espuma, unha moi boa oportunidade para que os pequenos da casa compartan con xente da súa idade un plan distinto este verán.

MARINITA Y SUS MAROMAS – Sábado 9 de agosto ás 20:00 h no Auditorio do Centro Cívico de Teis – 10,00 €

A compañía de teatro drag Marinita y sus Maromas ofrece un novo espectáculo de Cabaret único na cidade no Auditorio do Centro Cívico de Teis. Celébrase a diversidade cunha actuación con voces en directo, coreografía e moito humor.

CONCERTOS EN LA FÁBRICA: IMPOSTOR + MALDITA + FRACTURA- Sábado 9 de agosto ás 21:00 h en La Fábrica de Chocolate- Desde 10,00 €

 La Fábrica de Chocolate acolle unha xornada hard core cos concertos de: Imposter, procedente de Brighton; Maldita, banda madrileña que ofrece o seu primeiro concerto en Vigo; e Fractura, representando o talento local.

ÓPERA TURANDOT– Sábado 9 de agosto ás 22:00 h no Auditorio de Castrelos- De balde

A ópera clásica Turandot de Puccini é unha moi boa oportunidade para presenciar un concerto gratuito de música de calidade no auditorio de Castrelos. Despois da ópera La Traviata, interpretada o primeiro día deste mes, Turandot é a última ópera da programación deste ano en Castrelos.