O Marisquiño, concertos nos chiringuitos, ópera en Castrelos e festas en Teis e Coruxo esta fin de semana en Vigo

Ademais teremos concerto en Villa Solita, o Concurso Internacional de Piano, o festival Cinema a Pedal, a actuación de Abraham Mateo en Castrelos e o show de Marinita y sus maromas en Teis. Se queres ter máis información sobre algún evento, preme no título. Consulta todos os eventos en Vigo na axenda da Movida.

Cinema a pedal | Cedida

O Marisquiño – De xoves a domingo en Samil e Casco Vello – De balde

Do 6 ao 9 de agosto, Vigo volverá converterse nun gran escenario ao aire libre para acoller unha nova edición do Marisquiño, festival de acceso gratuíto que combina deportes de acción, música e cultura urbana. O epicentro estará, un ano máis, na praia de Samil, aínda que o MTB Downtown trasladará a competición ao centro da cidade. A edición de 2026 reunirá uns 1.500 deportistas de máis de 30 países, preto de 60 artistas e prevé superar os 150.000 asistentes. O programa inclúe oito disciplinas deportivas, tres delas olímpicas, dúas modalidades adaptadas, probas puntuables para a World Cup de Skateboarding e o circuíto FIBA 3×3, ademais de concertos, DJs, batallas de freestyle rap e intervencións de arte urbana.

Festas de Teis – Xoves e venres no Parque da Riouxa – De balde

O Parque da Riouxa acolle unha nova edición das Festas do Salvador de Teis, dúas xornadas nas que a tradición e a música comparten protagonismo. O programa inclúe a misa e procesión do patrón, actividades infantís, festa da espuma, fogos artificiais e actuacións das orquestras La Conexión e Magos, ademais dos grupos JB Son e Ritmo.

Concurso Internacional de piano – Do venres 7 ao venres 14 no Auditorio Martín Códax e Mar de Vigo – De balde

O Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo celebra este verán a súa décima edición como un dos eventos do xénero máis relevantes de Galicia. O certame, que terá lugar do 7 ao 14 de agosto, reuniu nesta ocasión preto de 400 participantes procedentes de 77 países dos cinco continentes, unha cifra récord na súa historia. A edición de 2026 estará dedicada ao pianista austríaco Alfred Brendel e incorpora como principal novidade o I Concurso Internacional de Piano Vigo Junior, pensado como un trampolín para as novas promesas do instrumento.

Cinema a pedal – Venres e sábado desde ás 18:00 h no Esteiro da Foz (Ramallosa) – De balde

Cinema a Pedal regresa a Nigrán cunha nova edición de cine, deporte, medioambiente e participación cidadá. A cuarta edición do festival desenvolverase os días 7 e 8 de agosto no Esteiro da Foz (Ramallosa), que se convertirá de novo nun cinema baixo as estrelas alimentado coa enerxía xerada polo propio público a golpe de pedal.

Curiosidades Solita: Roxana Mouriño – Venres ás 21:00 h en Villa Solita – De balde

Roxana Mouriño amosa a través das súas cancións unha traxectoria persoal que reflicte, dun xeito moi especial, a confluencia de estilos e estéticas que definen a súa ampla personalidade artística. Co seu segundo EP, Raíces, a artista conéctanos coa terra e lévanos directamente á súa “raíz”, unha raíz que nace do mar.

Abraham Mateo – Venres ás 22:00 h en Castrelos – De balde

O cantante gaditano Abraham Mateo actuará o 7 de agosto no auditorio de Castrelos, dentro da programación municial Vigo en Festas. O músico nado en San Fernando (Cádiz) comezou moi novo na música, alcanzando o éxito aos 14 anos co tema ‘Señorita’ en 2012. Desde aquelas continuou creando unha carreira baseada no pop e na música latina e urbana. Abraham Mateo acumula máis de 15 millóns de seguidores en todas as súas redes sociais e plataformas dixitais. Destaca nos ámbitos da composición, a interpretación, o canto, o baile e a produción musical a nivel internacional. O artista sitúase como unha estrela viral nos mercados da música española e latina, con máis de 1.300 millóns de reproducións en YouTube. Ademais, converteuse nun fenómeno influente entre as tendencias da mocidade hispana.

The Frankies – Sábado ás 20:00 h no Chiringuito da ETEA – De balde

Unha das novas deste verán en Vigo foi a cancelación dos concertos nos chiringuitos durante varias semanas. Polo tanto, a volta da música a estes espazos desde esta semana recibiuse con moita ledicia por gran parte da cidadanía. Co acordo pechado co Concello os chiringuitos non tardaron en volver programar música en directo, o primeiro foi o de Samil que reinaugurou a tempada de concertos coa actuación de Demasiadas sombras y pocas luces o pasado domingo día 2. Os chiringuitos de Alcabre, La Fuente e A Etea anunciaron onte os concertos que teñen programados para esta semana a través das súas redes sociais. De entrada a distribución musical nos quioscos de praia queda da seguinte maneira:

-Chiringuito de Alcabre: concertos martes e xoves
-Chiringuito de La Fuente: concertos mércores e venres
-Chiringuito da ETEA: concertos xoves e sábado
-Chiringuito Samil Garden: concertos xoves e sábado
-Chiringuito Vao Toralla: concertos venres e domingos
-Chiringuto de Samil: concertos sábado e domingo

Marinita y sus maromas – Sábado ás 20:00 h no Auditorio do Centro Cívico de Teis – 12,00 €

O Auditorio do Centro Cívico de Teis presenta unha función centrada nas artes escénicas, a danza e a música con temática de reivindicación dos dereitos LGTBIQ+ e a igualdade. O show principal corre a cargo do colectivo Marinita y sus maromas, e contará coa participación de varias bailarinas e artistas convidadas que integran disciplinas como a danza oriental dentro do repertorio.

Festas San Lourenzo en Coruxo – De domingo a martes en Coruxo – De balde

As festas de San Lourenzo de Coruxo celebraranse do 9 ao 11 de agosto cun amplo programa de actividades relixiosas, musicais e festivas. Cada xornada comezará coa tradicional salva de bombas e repenique de campás, seguida de sesión vermú e actuacións musicais. O domingo 9 haberá petardazo, sesión vermú con Airiños do Castelo, unha gran tirada de fogos e, pola noite, verbena coa Orquestra Escaparate e Euphoria Disco Show. O luns 10 a música correrá a cargo de A Buxaina, a Unión Musical de Coruxo, o Trío Azar e a Orquestra La Oca Band, ademais da tradicional sardiñada e dunha nova tirada de fogos. O martes 11 estará dedicado ás homenaxes do barrio, coa participación de Os Támega, Ventos de Comesaña, Trío Xtra e a Orquestra Los Satélites. O programa complétase cos actos relixiosos, que inclúen rosario, novena, misas solemnes, procesións e a tradicional baixada da santa, ademais das cucañas e xogos populares na tarde do día 11.

Ópera Nabucco – Domingo ás 22:00 h en Castrelos – De balde

Nabucco, composta por Giuseppe Verdi e conformada por catro actos, foi estreada o 9 de marzo de 1842 no Teatro alla Scala de Milán. Baseada no Antigo Testamento, na obra Nabuchodonosor de Francis Cornue e Anicète Bourgeois, ambiéntase no conflicto bélico entre hebreos e babilonios. En Castrelos será representada pola prestixiosa Ópera Nacional de Moldavia, conformada por 75 artistas coma solistas, coro e orquestra, que prometen unha impresionante posta en escena.