O Marisquiño completa a súa programación musical con máis de 40 artistas

VVV [Trippin’ You], Nusar3000, LG1DO, Rebeliom do Inframundo e High Paw encabezan as novas incorporacións a un cartel con concertos, sound system, freestyle rap, turntablism e sesións de electrónica. A praia de Samil acollerá do 7 ao 9 de agosto unha programación concibida como punto de encontro entre distintas escenas e xeracións de artistas e público.

VVV [Trippin’ You]

O festival O Marisquiño completa o seu cartel musical con máis de 40 artistas e coa proposta máis ampla e diversa ata a data. Do 7 ao 9 de agosto, a praia de Samil acollerá concertos, sound system, freestyle rap, turntablism e sesións de electrónica, nunha programación presentada como unha cartografía sonora da cultura urbana actual.

As novas incorporacións ao cartel están encabezadas por VVV [Trippin’ You], Nusar3000, LG1DO, Rebeliom do Inframundo e High Paw, que actuarán xunto a West Srk, Nueva Apóstol, Pálida, CANDi e unha ampla lista de DJs, selectors e turntablistas. Estes artistas súmanse a un cartel no que xa figuraban L0rna, Fresquito y Mango, El Virtual e a final ibérica dos DMC World DJ Championships, unha das grandes novidades desta edición.

A primeira liña da programación reúne algunhas das mutacións máis interesantes da escena urbana actual. Son proxectos entre o rap, o trap e o pop, cunha forma de entender a música marcada pola mestura de xéneros e pola circulación a través das plataformas dixitais.

Un dos nomes máis destacados destas novas confirmacións é Nusar3000, produtor e DJ madrileño convertido nunha figura singular e misteriosa da escena urbana. O seu universo musical mestura estilos como o jersey club, a guaracha, o funk brasileiro ou os ritmos mediterráneos, e as súas colaboracións con artistas como Rosalía ou Judeline sitúano como un dos produtores máis estimulantes dos últimos anos.

Xunto a el estará LG1DO, artista revelación da nova escena urbana en Galicia. Con só dezaoito anos, a súa recente entrada no Top 10 viral de Spotify en España, cantando en galego, confirma a crecente proxección exterior dunha nova xeración de artistas que crean desde o territorio e a lingua propia.

A presenza galega reforzase con West Srk, un dos nomes emerxentes da escena viguesa, cunha proposta entre o rap e o sad-trap. A el súmase CANDi, outra das apostas emerxentes desta edición, cun son cru e practicamente sen arranxos, que presentará en O Marisquiño a súa mixtape de debut, Rías Baixas Final Boss.

Estas confirmacións intégranse nunha liña iniciada por L0rna, unha das voces máis magnéticas da nova escena urbana, entre o rap, o trap e o reggaetón; Fresquito y Mango, cunha proposta luminosa que xoga cos sons urbanos, o pop e a electrónica; e El Virtual, referente dunha sensibilidade máis emocional e introspectiva.

A segunda liña afonda nalgunhas das raíces da cultura urbana, desde o sound system ata a cultura DJ e MC.

A tradición xamaicana do sound system, unha experiencia colectiva construída arredor da figura do selector e da potencia física dos baixos, terá un espazo propio en Samil da man de OCB. A programación estará encabezada polos cataláns Chalart58 & Matah, un dos tándems máis potentes da escena dub e reggae actual, e reunirá artistas e colectivos galegos como Luv Messenger Sound, Píntega Sistema do Son ou Nahno Selectah.

O dub e o reggae estarán tamén representados pola viguesa High Paw, unha das referencias deste ámbito en Galicia, cunha visión local e contemporánea da tradición musical xamaicana. Desde Vigo chega tamén Rebeliom do Inframundo, máximo expoñente do rap hardcore en galego, cunha proposta na que conflúen electrónica, folk e mensaxes de resistencia.

O rap terá outro dos seus espazos centrais en O Marisquiño coas Batallas de Freestyle organizadas por Gallos del Norte e Poten100mos, que reunirán MCs e colectivos de toda Galicia e integrarán persoas con discapacidade dentro do programa.

Completa esta liña a xa anunciada final ibérica do Mundial DMC. A competición reunirá en O Marisquiño vinte dos mellores DJs de España e Portugal arredor do turntablism, unha disciplina na que os pratos convértense en instrumentos de creación musical.

High Paw | P. Vázquez

A terceira liña abre a programación á electrónica underground e á cultura de club, territorios que absorberon influencias do hip-hop, o dub e o breakbeat para crear novas linguaxes sonoras.

Os madrileños VVV [Trippin’ You] encabezan esta liña cunha proposta que mestura estilos como o synth-punk, o neo-bakala ou o dubstep. Tras unha década de traxectoria, o grupo consolidouse como un nome clave da nova electrónica estatal.

O diálogo coa escena portuguesa terá unha presenza destacada con NOIA e Klin Klop, dúas DJs vinculadas ao circuíto clubbing de Porto. Nas súas sesións, NOIA móvese entre o breakbeat e o jungle, mentres que Klin Klop explora os límites da música house.

A escena electrónica underground viguesa tamén estará presente con Nueva Apóstol e Pálida. O primeiro propón unha lectura crúa da EBM e o technopunk, mentres que o segundo transita entre o ambient, o minimal e o techno. En ambos proxectos, a proposta visual forma parte esencial da experiencia en directo.

Desde Santiago de Compostela chega Frau Troffea, DJ e produtora vinculada ao colectivo Gas Clube, cunha sesión entre o techno, o electro e a new wave. O bloque péchase cos DJ sets de Weisheit b2b Tesa e Lkina b2b Natalie, catro representantes de distintas xeracións de DJs galegas da escena techno.

Con esta programación, O Marisquiño reafirma a dimensión musical dun festival que desde hai máis de dúas décadas explora a cultura urbana en todas as súas expresións. Próximamente darase a coñecer o programa por días e escenarios, así como as novidades nos espazos dedicados á música.

Pálida | Cedida

O Marisquiño é un dos principais festivais europeos de cultura urbana e deportes de acción. Nacido en Vigo en 2001, celebrará a súa XXVI edición do 6 ao 9 de agosto coa praia de Samil como escenario. A programación, de acceso gratuíto, combina oito disciplinas deportivas con música en directo, arte urbano e actividades familiares. A organización prepara volver superar os 150.000 asistentes en 2026.