O Marisquiño celebra o seu 25 aniversario co concerto de Villano Antillano e un escenario 100% feminino
O festival de deportes urbanos O Marisquiño desvela os primeiros nomes do seu cartel musical, que está encabezado pola portorriqueña Villano Antillano e contará cun novo escenario de música electrónica 100% femenino. Todas as actuacións son de balde en Samil, durante as datas de celebración do evento, do 7 ao 10 de agosto.

Marisquiño celebra o seu 25 aniversario cunha programación musical que contará con dezaseis actuacións de artistas de electrónica, hip-hop, latin club, rap e hardcore rave divididas en dous escenarios. Como gran novidade o festival contará cun novo escenario dedicado aos sons electrónicos, protagonizado por artistas femininas e cunha das noites comisariada pola ourensá Cora Novoa, quen actuará xunto a Russ e unha artista internacional que se anunciará proximamente.
No escenario urbano terán lugar as actuacións de Villano Antillano, artista portorriqueña revolucionaria do xénero co seu enfoque desafiante e irreverente, e cuxa colaboración con Bizarrap estivo no Top 50 de Spotify. Tamén se confirma a presenza de DJ Nano, figura clave da música de baile en España, cunha traxectoria internacional que o levou polos principais escenarios do mundo.
O cartel complétase polo momento con nomes como O Bugg, novísimo artista granadino con estilo único e códigos persoais que o diferencian como un artista versátil, capaz de traballar en diversos xéneros; Parkineos, homenaxe rave ás macrodiscotecas que mestura música, visuais e performance; e BFlecha e Mwëslee, do colectivo vigués Arkestra, que estarán celebrando o seu 20º aniversario co público de casa.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- James Rhodes, Fillas de Cassandra e Milhanas participan no festival sobre o río Miño IKFEM - 17 Xuño, 2025
- Villa Idalina, historia que se viste - 4 Xuño, 2025
- A Panadaría baixa o pano do seu forno teatral - 3 Xuño, 2025
- Branca Trigo: «A Residencia Mariñán permitiume sentirme poeta e non autónoma» - 29 Maio, 2025
- O Marisquiño celebra o seu 25 aniversario co concerto de Villano Antillano e un escenario 100% feminino - 29 Maio, 2025