O Marisquiño adianta as tres primeiras confirmacións musicais

O Marisquiño comeza a desvelar a programación musical da súa edición de 2026 con tres primeiras confirmacións que representan algunhas das novas sensibilidades da escena urbana estatal. L0rna, El Virtual e Fresquito y Mango formarán parte do cartel do festival, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto en Vigo.

Encabezando este primeiro avance aparece L0rna, unha das voces máis magnéticas e disruptivas do panorama urbano actual. Inspirada desde moi nova polo freestyle e o rap, a artista colaborou con nomes como Yung Beef, Albany ou Metrika e acaba de publicar MISS-UNDERSTOOD, o seu esperado álbum debut, consolidándose como unha das artistas máis persoais da nova xeración.

Xunto a ela estará El Virtual, artista capaz de conectar con milleiros de mozos e mozas a través de letras introspectivas e emocionais que exploran temas como a saúde mental, a identidade ou a vulnerabilidade, navegando entre o hip-hop, o trap e o rap alternativo.

Completa este primeiro anuncio Fresquito y Mango, dúo que mestura pop, electrónica, indie e sons urbanos desde unha actitude fresca e desprexuizada. Tras converterse en fenómeno viral con Mándame un Audio, aterran no Marisquiño presentando o seu novo EP, La Fórmula.

FAITE AMOVIDALOVER

Tras a histórica edición do 25 aniversario, o evento mantén a súa estrutura coa praia de Samil como epicentro e o descenso urbano de MTB no casco histórico da cidade. Durante catro días, 1.500 deportistas de máis de 30 países, xunto a uns 60 artistas, participarán nun programa que volverá combinar deporte, música e cultura urbana.

O festival contará con oito disciplinas deportivas —Skate, BMX, Breaking, Basket 3×3, Flatland, Big Air, FMX e MTB— e seguirá sendo sede de competicións puntuables para World Cup Skateboarding e o circuíto FIBA 3×3. Ademais, consolídanse as probas adaptadas de Skate e BMX, reforzando o compromiso do festival coa inclusión.

Ademais da competición, a programación cultural volverá ter un papel clave con concertos, sesións de DJ, arte urbana e batallas de freestyle rap en varios escenarios. Mentres, o xoves estará dedicado ao Family Day, con actividades pensadas para achegar as disciplinas do festival ao público máis novo.