O Mapa Literario de Vigo conecta 300 obras e 150 autores cos espazos da cidade
A Biblioteca Neira Vilas impulsa o Mapa Literario de Vigo, un repositorio dos escenarios onde se desenvolve a acción das obras creadas polos escritores da cidade.

Hai cidades que se viven, e hai cidades que tamén se len. Vigo pertence ás dúas categorías. A urbe máis poboada de Galicia é, dende hai séculos, escenario, inspiración e personaxe de innumerables obras literarias. Esa riqueza narrativa amotivou que no 2018 a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas puxera en marcha o Mapa Literario de Vigo, un proxecto que xeolocaliza escenarios de ficción para reconstruír a memoria literaria da cidade. Tanto o mapa como a información sobre o proxecto está dispoñible na web mapaliterariodevigo.com.
O mapa artéllase en liñas de transporte ficticias que conectan os principais puntos literarios de Vigo. Unha rede imaxinaria que vai de Cabral a Lavadores, de Saiáns a Bouzas ou do Casco Vello ata as Illas Cíes. Os usuarios poden facer click, por exemplo, na parada A Guía, e descubrir cantos personaxes novelescos pasaron antes por alí. En total, dez liñas con puntos reocñecibles, unha liña circular que recolle obras con visións máis globais da cidade e unha liña especial dedicada aos grandes fitos da historia viguesa: a Batalla de Rande, o Faro de Vigo, o Celta ou a Movida dos oitenta.
En total, o repositorio reúne 285 novelas, 153 autores e autoras e máis de 3.300 referencias literarias. Entre elas figuran nomes tan coñecidos como Ledicia Costas, Domingo Villar, Manuel Esteban, María Xosé Queizán, Francisco Castro ou Pedro Feijoo, entre moitos outros. A última versión do mapa ofrece biografías ampliadas, acceso directo ás obras incluídas, e ligazóns ás súas editoriais, redes sociais e páxinas de referencia, abrindo o abano ás persoas que queiran afondar no universo literario vigués.
O proxecto naceu coa vontade de poñer en valor a importancia de Vigo na literatura e converteuse nunha ferramenta de animación á lectura, ofrecendo ao público unha nova maneira de percorrer a cidadea través das súas historias. Será presentada no XII Congreso de Bibliotecas Públicas que se celebrará en Granada do 5 ao 7 de novembro.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Milongas, o asador que non anda con contos - 9 Novembro, 2025
- O Festival de órgano 8 Pés celebra o seu quinto aniversario coa edición máis internacional - 7 Novembro, 2025
- Pepe Solla chama á solidariedade na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo - 7 Novembro, 2025
- Antía Muíño e Grande Amore, embaixadores galegos na nova edición de Girando por Salas - 4 Novembro, 2025
- O Mapa Literario de Vigo conecta 300 obras e 150 autores cos espazos da cidade - 28 Outubro, 2025

