O mapa da represión franquista en Vigo
En 2023 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 mais a Asemblea Republicana de Vigo presentaban Falando de memoria, un documental que recolle os lugares de memoria histórica da comarca de Vigo. O documental está conformado por quince micro reportaxes que cartografían os lugares onde foron asesinadas ou torturadas demócratas que se opuxeron ao golpe de estado militar no ano 1936. Podes velos premendo aquí.

O documental Falando de Memoria consta de 15 microreportaxes que queren ser unha homenaxe aos homes e mulleres que sufriron cárcere, rapina, tortura, exilio ou morte por defenderen as liberdades públicas, a democracia e a República defronte o golpe de estado de xullo de 1936 e o fascismo. “Este documento audiovisual é imprescindíbel para calquera sociedade democrática. Necesitamos manter viva a lembranza das represariadas contra o esquecemento, para alumarmos un tempo histórico que ficou agochado e silenciado premeditadamente durante a longa noite de pedra da ditadura franquista”, explican desde a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 mais a Asemblea Republicana de Vigo, os responsables do proxecto.
Celso López, presidente Asemblea Republicana de Vigo, conta que os vídeos foron concebidos con un carácter pedagóxico, para ser utilizados nos centros de ensino onde o propio Celso, mestre de historia xubilado, detecta un auxe da extrema dereita na xente nova: “Algúns rapaces teñen unha empanada mental e se lles vai o brazo ao saludo fascista cunha facilidade alarmante. Non saben o que foi a dictadura, pensan que Franco era un tipo caralludo . O movemento memorialista non pode ser puramente nostálxico, senón moi activo e antifascista”, conta. Enviaron copias a todos os colexios de Vigo, aínda que non teñen constancia de se finalmente o profesorado optou por ensinarllos aos alumnos.
Para Celso a cuestión da memoria non só ten que ver co pasado, senón co presente. Pon de exemplo o actual Museo Marco, que antigamente foi un cáracere polo que pasaron milleiros de represariados: Non hai nin unha soa placa que lembre que iso foi un cárcere franquista. No 36 metían a xente aí e despois levábanos para fusilar ao Castro, Pereiró ou na da curva de Puxeiros. Aí morreu xente, foi torturada, estivo en tránsito para ser asasinada ata 1970 e pico e non hai nada que lembre iso”, indica.
Lenda do mapa
Mapa baseado no documental Falando de memoria, realizado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 mais a Asemblea Republicana de Vigo.
- A Volta da Figueiriña, Lavadores. Placa en homenaxe aos sete asasinados neste lugar o 15 de setembro de 1936.
- Bou Eva, peirao do Berbés. Cercados polos falanxistas, oito homes e unha muller quitaron a vida a bordo do Bou Eva, cando intentaban exiliarse a Francia.
- Cemiterio de Lavadores. Placa en recordo dos dezanove homes e dúas mulleres asasinados polo bando nacional nos muros deste camposanto.
- Cemiterio de Mos. Monumento en memoria das 29 persoas asasinadas alí polo franquismo e de todas as persoas desaparecidas nesa época.
- Cemiterio de Pereiró. Neste cemiterio civil están enterradas 740 persoas asasinadas polo franquismo.
- Cruz do Castro. Inaugurada por Franco en 1961 en honor dos «caídos por Dios y por España».
- Frontón Vigués na rúa de María Berdiales, 18. Tras o triunfo do golpe en Vigo, o aumento dos arrestos fixo necesario habilitar un novo centro de detención.
- Illa de San Simón. Entre 1936 e 1942 a illa converteuse nun campo de concentración franquista.
- Monte da Guía. Monumento en homenaxe Ángela Iglesias Rebollar e José Niebla García, veciños de Teis fusilados neste lugar, acusados de dar refuxio a persoas perseguidas polo réxime.
- Muralla do Castro. Punto de fusilamento onde asasinaron 136 persoas entre 1936 e 1942.
- Museo Marco. Antigo cárcere e xulgado de Vigo.
- O Calvario, diante do mercado. Monumento en homenaxe aos obreiros e obreiras do Calvario, daquela concello de Lavadores, que resistiron contra o exército sublevado.
- Porta do Sol. O 18 de xullo de 1936 unha tropa de soldados sublevados ao mando do capitán Carreiró asasinaron vinte persoas e outras cen resultaron feridas.
- Praia da Fonte, Alcabre. Un monólito recorda un punto de fusilamento dos «paseados» por parte do exército golpista.
- Rúa de Mercedes Núñez Targa, Coia. Rúa en homenaxe a unha das, polo menos, trece mulleres asasinadas polo franquismo en Vigo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025
- Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m**** - 26 Novembro, 2025
- O mapa da represión franquista en Vigo - 20 Novembro, 2025
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025



