O máis destacado da música galega en 2025
Musicalmente o 2025 tivo de todo: novos discos, novos festivais, artistas revelación, reunións, despedidas, aniversarios… Repasamos algúns dos fitos musicais máis salientables do ano en Galicia.

FILLAS DE CASSANDRA
A estas alturas da película a ninguén lle colle por sorpresa o éxito do dúo vigués, que continúa expandindo a súa música tanto en Galicia como fóra dela. O EP Hibernarse é un paso máis no camiño imparable de María SOA e Sara Faro. Este ano encheron a Porta do Sol de Vigo, entre outros moitos espazos. Será o 2026 o momento de Castrelos?
TERBUTALINA
Unha das bandas máis relevantes do rock galego (e en galego) das últimas dúas décadas despedíase dos escenarios en febreiro deste ano. Hai pouco Miguel Cernadas, voz da banda, anunciou un novo proxecto musical: TONA.
DE NINGHURES
O septeto é unha das grandes novas do ano e, posiblemente, o grupo revelación do 2025. O máis que notable Feira, onde mesturan sen prexuízos folk e pop, elevounos á zona nobre da música galega.
GRANDE AMORE
Xa era un dos artistas galegos máis destacados, pero co novo disco III propuxo un interesante cambio de estilo, sempre coherente co resto da súa traxectoria. Xirou por toda España, encheu a Sala Capitol e mesmo fixo tres concertos en México. Un bo ano para Nuno Pico e a súa banda.
SEN SENRA
2025 foi o ano no que Sen Senra rematou a monumental triloxía PO2054AZ e mesmo se atreveu co galego en ‘Padiante’. Hai un par de semanas actuaba no Coliseum da Coruña, un dos grandes recintos pechados de Galicia.
FANTASMAGE
Unha década despois volveron ao estudio e aos escenarios a banda de culto viguesa Fantasmage con No salga más, un disco de garage rock divertido e directo que soa aínda mellor en vivo. O mundo é un lugar mellor con Fantasmage de volta.
CARLOS ARES
Tras o éxito de Peregrino en 2024, o coruñés Carlos Ares só precisou un ano máis para publicar outro álbum de gran sona mediática. La boca del lobo continúa o camiño iniciado un ano antes e todo apunta a que Ares vai ser un dos nomes propios de 2026, como xa se pode ver nos carteis de moitos festivais.
PABLO LEIRA
Con moito menos recoñecemento mediático que todos os artistas anteriores, o ferrolán Pablo Leira continúa fabricando grandes cancións fóra dos focos. O seu disco 207 é un dos grandes traballos de música americana feita en Galicia, o que lle valeu para abrir os concertos de Bright Eyes ou Valerie June, ambos na Capitol compostelá. Tamén o vimos como músico de acompañamento de proxectos como Marta Vidal, El Último Ciclista ou Pablo Lesuit.
ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS
A veterana banda viguesa facía vinte anos de vida neste 2025 e celebrárono cun disco antolóxico (B.S.O. 2005-2025) no que regravaron algúns dos seus grandes éxitos con algunhas colaboracións de luxo. Para poñer o ramo celebraron un multitudinario concerto no Teatro García Barbón no que colgaron o cartel de ‘non hai entradas’.
FESTIVAIS: EMIGRASON, FUMEGA FEST E UNDERFEST
Deixamosa décima posición para tres proxectos festivaleiros nos que paga a pena deterse. O EmigraSON, celebrado en febreiro en Bruxelas, continúa medrando ano a ano e levando a mellor música en galego á capital belga. Repiten este 2026, tamén en febreiro, cunha edición aínda máis ambiciosa. O Fumega Fest foi unha das novidades festivaleiras do 2025, polo que é de agradecer que xurdan iniciativas de tamaño mediano que aposten por xéneros máis minoritarios, neste caso polo stoner, rock psicodélico e o doom metal. Por último, o Underfest non é un recén chegado pero continúa ofrecendo un cartel variado, diferente e fresco. Non teñen medo en asumir riscos e, alén dos gustos persoais de cada un, é un dos festivais máis interesantes do panorama galego.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Pecha a Galería Maraca, referente cultural do Vigo underground - 15 Xaneiro, 2026
- A artista viguesa Macarena Montesinos colabora con The Doors polo seu 60º aniversario - 14 Xaneiro, 2026
- O máis destacado da música galega en 2025 - 27 Decembro, 2025
- Novidades musicais viguesas para rematar o ano: Iván Ferreiro, Marta Vidal, Noar ou Vimbio - 19 Decembro, 2025
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025

