O libro ‘A fala de Vigo’ pode recollerse de balde nalgunhas librerías da cidade

A segunda edición de A fala de Vigo, de Xosé Henrique Costas e editado pola Universidade de Vigo e o Concello de Vigo, volve a estar dispoñible de xeito gratuíto en librarías independentes da cidade.

Xosé Henrique Costas | P. Vázquez

O mestre da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, orixinario de Sárdoma, é unha referencia no ámbito da dialectoloxía. É o autor do libro A fala de Vigo, publicado a finais do ano pasado e reeditado a mediados de 2025 nunha versión ampliada da man da Universidade e do Concello de Vigo. Esta obra pode recollerse de balde nas librarías Gami, Versus, Cartabón e Lector Nobel de Gran Vía e do Calvario (o listado de librerías pode que se amplíe, consultar a información actualizada nesta ligazón).

O libro recolle máis de 400 palabras e 50 refráns e frases feitas propias de Vigo e a súa comarca, moitas delas únicas da nosa rexión. Este proxecto ten a súa orixe na Asociación Faladoiros Vigo, que colabora na elaboración do volume. A asociación encargoulle a Costas realizar unha charla sobre a fala de Vigo, e a raíz desa proposta xurdiu a idea de plasmar todo ese coñecemento popular sobre o papel.

Xosé Henrique Costas | P. Vázquez

Esta nova edición ten unha tiraxe de 3000 novos exemplares, o que demostra que existe un forte interese da cidadanía en coñecer a súa propia fala. Malia ser a cidade máis castelanizada de Galicia segundo o Instituto Galego de Estatística, Costas defende que nas parroquias de Vigo (Alcabre, Beade, Bembrive, Bouzas, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, Sárdoma, Teis, Valadares e Zamáns) o galego segue a ser a lingua cotiá ou maioritaria de non poucos veciños e veciñas. A eles acudiu para recoller e catalogar os principais trazos fonético-fonolóxicos, prosódicos, morfolóxicos, léxicos e fraseolóxicos do falar do Val de Fragoso, algúns deles trazos exclusivos do noso concello e outros compartillados coas falas do suroeste de Pontevedra.

REVISTA NADAL

O obxectivo para Costas é claro: “Que os vigueses e viguesas máis novos lembremos e a xente que veu de fóra aprenda como falamos aínda aquí, para aproveitarmos e reutilizarmos todas esas ferramentas e posibilidades lingüísticas no noso galego actual. Así é como falamos o galego as persoas naturais de Vigo”.