REVISTA ABRIL

O laboratorio creativo Imaxinatea comeza o curso con catro obradoiros gratuítos

O novo curso está á volta da esquina e pequenos e maiores procuran actividades nas que aprender novas destrezas, dar renda solta a súa imaxinación ou desconectar facendo o que máis nos gusta. Imaxinatea Lab Creativo, un dos espazos con maior oferta formativa para artistas profesionais e amateurs, retoma a actividade este 1 de setembro, ofrecendo clases de proba abertas para algúns dos seus obradoiros.

Estes son os catro cursos gratuítos aos que poderemos asistir nas vindeirtas semanas. Todos eles son gratuítos, pero é preciso reservar praza através do mail imaxinatea@gmail.com ou o teléfono 986 12 00 24.

Teatro básico – 1 de setembro ás 20:30

Trátase dun curso intensivo en modalidade presencial, impartido polo músico e actor Brais Iriarte. Durante a xornada, o docente transmitirá os recursos interpretativos centrándose no desenvolvemento da expresión dunha maneira activa e dinámica, potenciando a sensibilidade, as posibilidades creativas e a capacidade de descubrirse a si mesmo, para expresarse con espontaneidade e plenitude.

Quen desexe poder ir experimentando con esta disciplina, pode facelo continuando o curso básico ou asistindo ao avanzado, ambos impartidos por Iriarte e axeitados para nenos, adolescentes ou adultos. Ademais, tamén se impartirá un curso intensivo de teatro durante o mes de setembro.

Iniciación a la fotografía – 10 de setembro ás 20:30

A este obradoiro pódese asistir presencialmente ou realizado desde o outro lado da pantalla, xa que está pensado para poder ser aproveitado online. A profesora explicará os fundamentos da arte de captar a luz e as súas posibilidades creativas.

Técnica vocal: voz, consciencia e escena – 15 de setembro ás 19

Miriam Rodríguez imparte este curso interactivo de técnica vocal no que a aproximación á voz se realiza desde o punto de vista non estritamente musical, senón ademais, funcional e fisiolóxica, no sentido de que aproveita todas as posibilidades físicas do noso corpo. Miriam foi membro da banda Broken Peach e agora mesmo lidera o proxecto Les Barluthiers.

Despois desta proba gratuíta, o curso comeza o 6 de outubro.

Teatro musical – 16 de setembro

REVISTA ABRIL

Para os que non son quen de decidirse pola música ou o teatro, hai boas novas: non teñen porqué. Descubrir a íntima unión entre a linguaxe, a voz, o movemento e a música, e como todos eles teñen unha raíz común: o corpo é o obxectivo desta clase e do curso anual que comeza o 7 de outubro.

Como Laboratorio creativo, ademais de impartir formación, Imaxinatea ofrécese como espazo no que desenvolver as túas propias actividades, pois son sabedores das dificultades que os profesores e artistas autónomos teñen para atopar un espazo no que crecer e amosarse. Tamén a súa web ten un espazo específico reservado a que profesionais de diferentes áreas creativas ofrezan os seus propios cursos. Ademais, os profesores residentes organizarán a principios deste curso, unha mostra de traballos realizados dentro e fóra de Imaxinatea.

Os obxectivos de profesionais das artes e as inquedanzas da poboación viguesa quedan satisfeitas de xeito simultáneo a través da confluencia en Imaxinatea. Un espazo alén do formativo, onde o encontro e o interdisciplinar xogan a favor de calquera proxecto.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.