O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público
A organización de eventos en espazos públicos en Vigo converteuse nunha carreira de obstáculos que moitos promotores cualifican de “anomalía inmensa”. Tras accidentes graves como o do Marisquiño ou a recente traxedia no Saltamontes de Matamá en 2025, o Concello de Vigo endureceu os requisitos, pero os organizadores denuncian que o obxectivo non é a seguridade real, senón a exención de calquera responsabilidade institucional.

Normalmente, cando acudimos a un evento cultural, non somos conscientes de todo o traballo que hai detrás. Gran parte dese labor é administrativo e burocrático: permisos, seguros, contratos, etc. Se esa actividade ten lugar nun espazo público, a organización debe presentar unha ampla documentación ao Concello ou á institución responsable certificando que todo está en orde. Lonxe de facilitar o proceso, o Concello de Vigo adoita poñer moitas trabas e a contestar a destempo, ou iso denuncian numerosos organizadores de eventos na nosa cidade.
Juan de Castro, programador de eventos como o The Wild Fest, Galician Freaky Film Festival ou, no pasado, Primavera do Cine, é tallante ao definir a situación: “Houbo unha delegación da responsabilidade e unha exención de asumir eles eses compromisos. É algo flagrante”. Segundo De Castro, o Concello pasou de colaborar tecnicamente a través de operarios municipais a un modelo onde o promotor debe asinalo todo: “Ti asinas todo e a responsabilidade é de terceiros”.
Esta percepción é compartida por Sarai González, da asociación As da Industria. Sarai explica que o Concello esixe seguros de responsabilidade civil de ata 600.000 € e múltiples declaracións responsables por cada pequena instalación. “Non lles interesa a seguridade real… o Concello só busca un ‘último morto’ a quen culpar”, asegura, suxerindo que se houbese interese real, o Concello enviaría técnicos propios para supervisar a montaxe en lugar de simplemente esixir papeleo.

O maior problema para as entidades é a incerteza temporal. Aínda que se soliciten os permisos cos 21 días de antelación que marca a normativa, as resolucións chegan frecuentemente o día antes ou o mesmo día do evento. O C.S.C.R. de Beade, no seu comunicado tras a suspensión inicial da XIII Carreira da Cereixa, denunciou unha “mala praxe e neglixencia administrativa por parte do Concello de Vigo”. O club presentou a solicitude en marzo, pero o Concello agardou a menos de 48 horas do inicio para esixir proxectos técnicos complexos.
Malia presentar unha memoria de 113 páxinas elaborada a contrarreloxo, a Administración arquivou o expediente alegando que “non hai tempo material” para revisalo, o que para Beade supón tratarlos como un “macrofestival privado en lugar dunha carreira de barrio”. Finalmente, a proba poderá celebrarse este domingo 7 de xuño tras este atropelo administrativo, con todas as molestias que causou aos corredores inscritos.
Sarai González relata casos aínda máis extremos: na festa que ían celebrar polo Día das Letras, a resolución chegou ás 15:05 h cando o acto comezaba ás 16:00 h. “Isto obriga a moita xente a tirar para adiante sen resolución porque xa gastaron os cartos e teñen o evento publicado”, sinala. Acontecen situacións surrealistas, como recibir a comunicación oficial da resolución catro días despois de que o evento remate.
Para as asociacións pequenas, o incremento das esixencias administrativas tradúcese nun gasto inasumible. A asociación Nós Mesmas anunciou recentemente a suspensión da Festa DiversXs do Orgullo debido ao “incremento das esixencias administrativas e económicas” e ao desgaste do voluntariado.
No seu comunicado, a entidade apunta que a burocracia e os custos asociados (baños portátiles, seguros, infraestruturas) fan que organizar unha celebración sexa cada vez máis complexo para unha “asociación pequena e sostida fundamentalmente por voluntariado”. Ademais, denuncian o desinterese institucional: “Levamos 16 anos solicitando un maior compromiso, pero nunca chegou e queremos que se saiba”, explica a súa portavoz, Elisabet Pérez, quen cualifica o trato do Concello como unha ferramenta de “pinkwashing” ao non achegar facilidades nin financiamento real.
A situación xera un risco económico enorme para os promotores. Juan de Castro advirte que “se un promotor o venres xa leva gastados 30.000 ou 40.000 euros, non lle poden dicir ese mesmo día que non o fai”. No seu caso, tamén decidiron non celebrar The Wild en 2026, debido ás trabas e falta de apoios por parte do Concello. “O problema é que cada ano piden algo novo sen saber moi ben por que”, engade Sarai. Este desleixo institucional afecta tamén ao público, que pode ver cancelado no último momento un evento ao que contaba acudir desde hai meses. Esta falta de previsión e a arbitrariedade nas decisións debuxan un panorama onde a cultura de base en Vigo sobrevive a pesar da administración, e non grazas a ela.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026




