O jazz soa na contorna de Vigo este agosto
Vigo leva oito anos sen festival de jazz, desde que en 2018 o Imaxinasons puxo punto final a trece edicións. Pero a contorna viguesa mantén viva a afección polo xénero con propostas en Pontevedra, Ponteareas, Moaña, Nigrán, Cangas e Vilanova de Arousa. Unha ampla programación de jazz, blues e música negra, con concertos, jam sessions, obradoiros e actividades para todos os públicos.
Preme no título de cada evento para ver máis información.

FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA – Do 3 ao 7 de agosto en Pontevedra
O cartel inclúe as actuacións de Layuca, Juzz, o prestixioso trompetista noruegués Nils Petter Molvær co seu proxecto Khmer, Raphael Wressnig’s Soul Gift xunto á cantante Gisele Jackson e o Cyrille Aimée Quartet. Ademais dos concertos nocturnos, o festival contará cada día coa animación de rúa da Brass Atlantic, levando o jazz ás rúas da cidade con pasarrúas e actuacións ao mediodía e ao serán.

THE JAZZ STREET – 7 e 8 de agosto en Ponteareas
Ponteareas viaxa aos anos vinte con dúas xornadas dedicadas ao jazz e á cultura swing. O programa inclúe oito concertos en directo, obradoiros de baile para todos os públicos, animación musical polas rúas e un espazo infantil con xogos tradicionais. O público tamén está convidado a vestir de época para completar a ambientación.

X FESTIVAL DE JAZZ DE MOAÑA – 7 e 8 de agosto en Moaña
Moaña celebra a décima edición do seu Festival de Jazz con dúas xornadas de concertos ao aire libre. O venres actuarán Miguel Seoane Cuarteto e Copos de Avena, mentres que o sábado será a quenda de Isabella Hallia Quartet e Yosvany Terry Quartet. As noites continuarán con jam sessions a partir das 23:30 h no Daniel’s.

NIGRÁNBLUES – 14 e 15 de agosto en Nigrán
Nigrán celebrará a terceira edición do Nigrán Blues no espazo deportivo Dunas de Gaifar, cun cartel internacional e de entrada libre. Desde as 19:00 horas actuarán Mitch Laddie Band, Nico&The Blue Birds, Layuca e The Triplets. Antes, ás 13:00 horas, Blue Mondays ofrecerá unha sesión vermú no Malabar Beach de Panxón-Praia América. O festival comezará xa o venres 14 cunha jam-session ás 19:00 horas no Malabar Beach, liderada por Red Duck Blues. Así, Nigrán consolida unha cita imprescindible para os amantes do blues no sur de Galicia.
Nigrán tamén ten un festival de jazz, que se celebrou a terceira semana de xullo.

CANJAZZ – Do 16 ao 19 de agosto en Cangas
Esta edición do festival incorpora dúas sesións vermú e unha banda residente para as jam sessions cada velada. O cartel das actuacións principais presenta un cartel que combina figuras consagradas do jazz internacional coa oportunidade de descubrir algunhas das voces máis prometedoras da actualidade. Todo isto nun ano marcado pola presenza destacada do saxo e da trompeta, coincidindo co centenario do nacemento de dúas lendas do jazz: Miles Davis e John Coltrane.
Foto: o saxofonista cubano Ramón Filiú

VILABLUES- 28 e 29 de agosto en Vilanova de Arousa
Festival no que teñen cabida moi distintos xeitos de entender a música negra: dende o blues máis clásico ata o rhythm & blues, o soul, o góspel, o country-folk, o bluegrass ou rockabilly. As principais actuacións do festival desenvolveranse no Escenario Xacobeo, ubicado no Multiusos da localidade, pero tamén haberá pasarrúas, concertos nos parques e nas prazas, jam sessions na Cofradía e actividades para os cativos e cativas no Auditorio e na Estación Marítima.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O GFFF inaugura unha exposición que repasa a historia do cine fantástico - 3 Setembro, 2026
- Arteficial celebra dúas décadas de cultura alternativa en Ribadavia - 2 Setembro, 2026
- Curtametraxes, feridas de látex e David Bowie na sexta edición do Pequefreak - 20 Agosto, 2026
- Río Verbena, as Festas do Cristo e o Entroido de Verán esta fin de semana nos arredores de Vigo - 20 Agosto, 2026
- O jazz soa na contorna de Vigo este agosto - 7 Agosto, 2026



