Vigo volve á lista do mellor da cultura grazas ao Hematofesti
Vigo sobe na clasificación de cidades do Observatorio da Cultura e recupera presenza entre os proxectos galegos destacados grazas ao Hematofesti, aínda que a cidade continúa a ter un peso moi limitado nas principais categorías do informe.

Un paso adiante, pero moito por facer. Vigo recupera presenza no Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. O informe Lo mejor de la cultura 2025 sitúa á cidade no posto 26 do ranking de cidades, unha subida notable respecto do 41ª lugar, o último da táboa, que ocupaba na edición anterior. Por diante seguen estando A Coruña, no posto 11; e Santiago de Compostela, no 17ª.


Xunto a esta mellora, o Observatorio destaca este ano na lista do mellor de Galicia galego un proxecto vigués: o Hematofesti, que tras aparecer en 2024 como unha das novidades ás que prestar atención, entra agora entre os proxectos culturais máis destacados de Galicia, aínda que sen chegar ao ranking estatal. Despois de dous anos consecutivos (2023 e 2024) sen presenza de ningún proxecto nesta clasificación. O Hematofesti é un festival centrado no humor e a literatura infantil, concibido como homenaxe a Miguel Ángel López, O Hematocrítico. Dirixido pola escritora Ledicia Costas e o cineasta e ilustrador Alberto Vázquez, na súa segunda edición do pasado novembro contou coa participación de figuras destacadas do humor, a música e a cultura como Ignatius Farray, Luz Casal ou Teresa Rabal.

Tamén teñen presenza na lista proxectos da contorna. Algúns deles habituais na lista, como Sinsal SON Estrella Galicia e Festival de Cans, coa nova incorporación da Bienal de Pontevedra, que figura tanto na categoría de feiras de arte estatais como entre as novidades máis salientables de Galicia.
Un ano máis, chama a atención a escasa visibilidade das iniciativas viguesas neste informe, que non se corresponde co peso demográfico da cidade e o seu potencial cultural. Quedan novamente fóra do radar do Observatorio propostas consolidadas e ben valoradas polo público e polos profesionais locais, como Underfest, Galician Freaky Film Festival, Pequeártiko, Festival Creativa, o traballo sociocultural de EMAÚS, a asociación Évame Oroza, ou o Musicav, entre outras iniciativas. Esta dinámica fai pensar que unha parte do panel tende a reproducir hábitos de consumo cultural pouco renovados, acudindo e votando maioritariamente polos mesmos eventos e institucións, mentres outras propostas permanecen invisibles.
O informe, que a Fundación Contemporánea publica desde 2009, está elaborado a partir dun cuestionario respondido por 443 profesionais de toda España: responsables de museos, teatros, centros culturais, festivais, industrias culturais e administracións públicas, entre outros perfís. Pode consultarse aquí.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O Celta busca a camiseta que Madonna vestiu no concerto en Vigo de 1990 - 4 Marzo, 2026
- Dolores Ribaldo, a nova libraría alternativa de Vigo - 4 Marzo, 2026
- Guía completa de actividades para conmemorar o 8M en Vigo - 3 Marzo, 2026
- Artistas que rompen fronteiras - 25 Febreiro, 2026
- A Feira Vegana.gal fai unha pausa en 2026 - 24 Febreiro, 2026

