O half-pipe de Samil mobilízase para non desaparecer
A continuidade do proxecto de recuperación dunar da praia de Samil prevé transformar a zona que ocupan actualmente as pistas de patinaxe e o half-pipe, coñecido popularmente como “La Roca”. Ante a incerteza sobre o futuro destas instalacións, o roller vigués Alex Alonso impulsa unha recollida de sinaturas para conservar o half-pipe ou, polo menos, garantir a súa reconstrución noutro punto do areal. A iniciativa busca agora ampliar a súa difusión nas redes sociais cunha peza audiovisual dirixida por Charles Alexander, que combina imaxes actuais con material de arquivo para dar visibilidade á situación.

A recuperación ambiental de Samil remóntase a comezos da década de 2010 e busca recuperar o sistema dunar ocupado durante décadas polo paseo e outras infraestruturas. O proxecto avanzou de forma intermitente, coa desaparición de locais como As Dornas ou o Camaleón, ata chegar á primeira fase da reforma do paseo, executada o ano pasado. A intención das administracións é continuar a actuación cara á zona central do areal, retranqueando progresivamente o paseo cara ao interior e recuperando superficie de praia e espazo dunar.
Precisamente nesa seguinte zona de actuación atópanse o half-pipe e as pistas de patinaxe. Foi a finais dos anos oitenta, no marco da remodelación de Samil impulsada polo goberno municipal de Manoel Soto e polo concelleiro Agustín Arca, cando naceu o histórico half-pipe xunto con outros espazos deportivos utilizados por varias xeracións desde hai case catro décadas. Aínda que non existe unha data inmediata para o derrubamento destas instalacións, o seguinte paso será a desaparición do local Di San Remo, cuxa concesión xa rematou e que se atopa a escasos 50 metros de “La Roca”. A falta dun calendario definido para as seguintes fases é unha das principais preocupacións da comunidade vinculada ás pistas.
“O half-pipe foi o nexo de unión da cultura urbana de Vigo”

Alex Alonso, roller e profesor de patinaxe, asegura que coñecía desde hai anos a intención de transformar a zona, pero a preocupación aumentou cando comprobou que a reforma podía chegar tamén ás instalacións. Nos últimos meses comezou a mobilizarse e realizou unha serie de consultas para aclarar en que punto se atopa a seguinte fase. Tras acudir en varias ocasións ao Concello e contactar coa Consellería de Costas, Alonso confirmou que aínda non existía un proxecto nin un preproxecto definido para esa segunda fase. Ante a falta de información, o patinador solicitou formalmente reunións co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e cos responsables municipais de Deportes e Parques e Xardíns. Unha solicitude que, a día de hoxe, continúa sen resposta.
A campaña impulsada por Alonso non reclama deter a recuperación ambiental de Samil. A petición céntrase en que o Concello conserve o half-pipe e a pista dentro da nova configuración do paseo ou, se a súa localización actual resulta incompatible co proxecto, garanta previamente unhas instalacións equivalentes en Samil. “Se non conseguimos salvalo, a idea é conseguir un compromiso asinado”, explica Alonso. “Non me vale nada de palabra”, engade. Para apoiar esa reclamación abriu unha petición de sinaturas que supera actualmente o milleiro de apoios. O obxectivo, con todo, son as 10.000 sinaturas, unha cifra coa que considera que a reivindicación tería maior peso ante o goberno municipal. “Se pasamos das dez mil sinaturas, eu podo ir con algo forte na man ao Concello e dicir: miren, isto importa”, explica.

Unha instalación ligada á historia da cultura urbana
A reivindicación baséase tamén no valor histórico e emocional das instalacións. Desde finais dos anos oitenta, o half-pipe de Samil converteuse nun punto habitual de encontro para rollers, skaters e bikers, especialmente durante os noventa e os primeiros anos dos 2000. Para Alonso, a importancia do lugar reside en que permitiu reunir grupos que practicaban estas disciplinas en diferentes barrios da cidade. “A cultura urbana de Vigo naceu en varias partes: en Teis, no Calvario, en Coia, pero xuntabámonos todos en Samil”, lembra. “O half-pipe foi o nexo de unión”.
As instalacións acolleron tamén competicións como o CAVIL, no que o propio Alonso participou na organización, e formaron parte da traxectoria de numerosos patinadores locais. El mesmo conta que leva patinando alí desde 1997, cando se xuntaba cun grupo de amigos entre os que estaba JaviPro. Nese espazo pasaban horas e horas durante todo o ano, fose primavera, verán, outono ou inverno. Para Alex, salvar o half-pipe vai máis alá da conservación dunha instalación deportiva: tamén é unha forma de preservar a memoria do seu amigo JaviPro, falecido en 2016, e de defender o lugar no que asegura atopar esa “felicidade imperfecta” da vida. “Se teño un mal día, vou para alí e póñome a patinar”, conta. “É onde me recompoño, é onde me sinto completo”.
O half segue tendo uso na actualidade. Alonso continúa dando clases en Samil e utiliza a instalación cos alumnos máis avanzados. Ao mesmo tempo, denuncia a falta de mantemento por parte do Concello e asegura que el mesmo participa na reparación dalgunhas zonas da rampla cando se deterioran.
Un vídeo para ampliar a campaña
A última iniciativa para dar visibilidade ao conflito é unha peza audiovisual dirixida por Charles Alexander e realizada de maneira altruísta coa colaboración dun pequeno equipo. A proposta xurdiu despois de que Alonso lle explicase ao seu amigo a situación das pistas. O que inicialmente ía ser unha produción sinxela acabou converténdose nun traballo no que participaron varias persoas de forma voluntaria.
O vídeo combina imaxes actuais con material de arquivo para percorrer a historia das instalacións desde o pasado ata o presente. Parte dese arquivo pertence ao propio Alonso, que leva gravando a escena da patinaxe viguesa desde finais dos anos noventa cunha cámara que a súa familia mercara tras o nacemento do seu irmán. En 2003 mercou a súa primeira cámara e continuou documentando a actividade ata a actualidade. Ao seu arquivo persoal sumáronse posteriormente cintas cedidas por outras persoas, algunhas con imaxes de 1994 e 1995.
A peza conta coa participación de dous protagonistas: Manolo, un patinador de 67 anos, e Adrián, un rapaz alumno do propio Alonso. Manolo comezou a meterse no half-pipe con 50 anos e continúa facéndoo na actualidade, aínda que, como lle di a Alex Alonso, “coa súa idade hai que andar ao loro”. A través destes protagonistas e do material de arquivo, o vídeo establece unha comparación entre diferentes xeracións vinculadas ao half-pipe e busca reforzar a difusión da petición de sinaturas. A campaña pretende así gañar apoio antes de que exista unha decisión definitiva sobre o futuro das pistas.



