O Gozo Festival enche xullo de música internacional: Alanis Morisette, Maná, David Guetta ou Lionel Ritchie
Tras os concertos de Anastacia, Franz Ferndinand e Lenny Kravitz, o Gozo Festival ten programadas para xullo as actuacións en Galicia de artistas do calibre de Alanis Morissette, Bright Eyes, Foster the People, David Guetta, Maná e Lionel Ritchie.

Hai xa uns meses que botou a andar a terceira edición do Gozo Festival, un ciclo de concertos internacionais que se celebran en diferentes cidades de Galicia. Nestes tres anos xa pasaron polos escenarios galegos músicos de gran renome: Ed Sheeran, Robert Plant, Robbie Williams, Queens of the Stone Age, Armin van Buuren, The Hives, Zaz ou Loreena McKennitt, entre outros. Este ano sumáronse outros como Anastacia, Franz Ferndinand e Lenny Kravitz, pero aínda queda moita programación por diante (preme no nome do artista para mercar as entradas).
Comezamos o 5 de xullo coa celebración dun grande evento musical no Monte do Gozo (Santiago) do que, polo momento, só coñecemos o nome dos mexicanos Maná (que xa formaron parte o ano pasado deste ciclo), aos que se sumarán outros artistas. Ao día seguinte, 6 de xullo, no mesmo recinto, é a quenda da música electrónica, encabezada polo francés David Guetta.
A seguinte en actuar en territorio galego (por primeira vez) será Alanis Morissette, o 9 de xullo no Coliseum da Coruña. O seu terceiro disco, Jagged Little Pill (1995), alzou á compositora canadiense como unha das artistas máis famosas do mundo, vendendo millóns de copias e logrando varios Grammys. Só dous días despois, o 11 de xullo na sala Capitol de Santiago, tamén debutará en Galicia o grupo de culto Bright Eyes. O seu disco I’m Wide Awake, It’s Morning, que fai vinte anos este 2025, é unha referencia ineludible do indie folk deste século.
A última banda en sumarse ao cartel do Gozo Festival é Foster the People, banda angelina de pop rock caracterizada polos seus divertidos directos. Actuarán o 15 de xullo na Sala Pelícano da Coruña dentro da xira Paradise State of Mind Tour. Pecha o ciclo, polo momento, a lenda da música norteamericana Lionel Ritchie. O seu currículo é inabarcable: membro do grupo da Motown Commodores, autor dalgunhas cas cancións máis famosas da historia (‘Endless Love’, na que canta con Diana Ross), un dos artistas con máis discos vendidos de todos os tempos (máis de 100 millóns), ideólogo do ‘We are the World’ e gañador de numerosos recoñecementos (Grammy, Oscar, Salón da Fama do Rock, Estrela no Paseo da Fama de Hollywood…), entre outras moitas cousas. O seu concerto será o 31 de xullo no Coliseum da Coruña.