O GFFF dá o salto ás longametraxes coa nova sección Panorama
O Galician Freaky Film Festival, que se celebra do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo, estrea Panorama coa proxección de The Furious, Gaua e Decorado, tres propostas premiadas e avaladas por Sitges, Annecy ou os Goya. O festival ten xa á venda os Abonos VIF, que permiten acceder a todas as proxeccións, ademais de incluír vantaxes exclusivas.

Despois de afianzar a nivel internacional a súa sección oficial no formato curto, o GFFF busca facelo agora incorporando longametraxes internacionais a competición. Os primeiros tres títulos desvelados son tres filmes que tiveron pouco percorrido nos cines comerciais, a pesar do seu interese, premios e recoñecemento internacional: The Furious, de Kenji Tanigaki; Gaua, de Paul Urkijo Alijo; e Decorado, do galego Alberto Vázquez.
The Furious (2025, Hong Kong), de Kenji Tanigaki, é unha emocionante película de acción e artes marciais protagonizada por Xie Miao, Joe Taslim e Yayan Ruhian. A historia segue a un pai que se enfronta a unha rede de tráfico de menores para recuperar a súa filla. Unha das grandes propostas de artes marciais dos últimos anos, que recibiu o Premio Especial do Xurado en Sitges e pasou tamén por Toronto, Busan e Beyond Fest.
Gaua (2025, Euskadi), de Paul Urkijo Alijo, é un filme de terror que mergulla ao espectador nas montañas vascas do século XVII, en plena caza de bruxas. A película, protagonizada por Yune Nogueiras, Elena Irureta e Ane Gabarain, está baseada no imaxinario, a mitoloxía e os contos tradicionais. Tras o seu paso por Sitges e pola Semana de Cine Fantástico y de Terror, foi seleccionada nos Premios Goya 2026.
Completa esta primeira selección Decorado (2025, España / Portugal), a última longametraxe de animación do galego Alberto Vázquez. A película segue a Arnold, un rato de mediana idade que comeza a sospeitar que vive nunha realidade falsa, ao estilo The Truman Show. A cinta chega avalada polo Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Paul Grimault do Festival de Annecy e o premio á Mellor Longametraxe de Animación nos Premios Forqué, ademais da súa selección en Sitges.
O GFFF ten xa á venda os Abonos VIF (Very Important Freak), que ofrecen acceso preferente ás salas e permiten gozar das 11 sesións de curtametraxes e 11 longametraxes da programación. Polo momento están anunciadas tres longas da sección GFFF Tribute (The Fly, The Toxic Avenger e Big Trouble in Little China) e tres da GFFF Panorama. O abono inclúe tamén acceso ao GFFF Online, unha chapa identificativa exclusiva, o catálogo do festival e 3 euros de desconto na camiseta desta edición. A compra do VIF supón, ademais, unha forma de apoiar directamente o festival e a súa aposta polo cinema fantástico e freak en Galicia. Os abonos teñen un prezo de 70,00 € e poden adquirirse na web do festival.


