O Galician Freaky Film Festival viaxa polo mundo para reunir 63 curtametraxes en Vigo
A Selección Oficial da décima edición do Galician Freaky Film Festival (GFFF) reúne filmes de Europa, América e Asia, con 24 estreas en Galicia, outras 24 en España e unha estrea mundial.

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) celebra este setembro a súa décima edición consolidado como unha das citas viguesas dedicadas ao cinema fantástico, de terror, ciencia ficción e á cultura máis freak. O festival terá lugar do 17 ao 26 de setembro e volverá levar aos Cines Tamberlick da Praza Elíptica unha programación que combina proxeccións, actividades paralelas e unha das partes fundamentais do certame: a súa Selección Oficial de curtametraxes.
Este ano serán 63 curtas procedentes de diferentes puntos do mundo. Para chegar a esa selección, o equipo do festival pasa meses seguindo festivais internacionais, programacións, directoras, directores e produtoras na procura dalgunhas das propostas máis interesantes. O resultado inclúe 24 estreas en Galicia e 24 en España, ademais dunha estrea europea, unha internacional e unha mundial.
A competición estará repartida en oito bloques temáticos: Alimento para o Maxín, Arrepío, Ciencia Ficción, Co Cu Torcido, Fantástico!, Humor Freak, Que Carallo é Isto?! e Serie B-estial. Unha clasificación que permite pasar do terror ao humor absurdo, das propostas máis recoñecibles a outras difíciles de encaixar nunha categoría.
A mirada internacional é unha das características desta edición. Haberá obras chegadas de Corea do Sur, Taiwán, Finlandia, Camboxa, Filipinas, Reino Unido, Armenia, Perú, México, Brasil, Israel, Estonia, Hungría, Noruega ou Canadá, ademais dunha importante presenza de produción estatal.
Galicia tamén terá o seu espazo na competición con títulos como Ante o avesío, de Xaime Miranda; Lucus, de David Fidalgo; Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; e Onde Cristo falou con Rosa, de Pablo Fontenla.
O encargado de valorar as curtas será un xurado formado por Chris Orgelt, Mentxu Sesar e Xiana Vázquez, vinculados á programación, creación e investigación cinematográfica. Deles sairán os premios Neuronas Fritidas, Ben Dito, Ben Feito e o Gran Premio GFFF, aos que se suma o premio do público, decidido polos espectadores ao remate das sesións.
A gran novidade deste ano chega coa incorporación do GFFF á Federación Internacional de Festivais Méliès (MIFF). A partir desta edición, un xurado específico concederá o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea, un dos recoñecementos destacados dentro do circuíto europeo de cinema fantástico.
A décima edición mantén ademais unha das singularidades do festival: todas as curtametraxes estranxeiras proxéctanse subtituladas ao galego. Tras superar os 4.000 asistentes en 2025, o GFFF chega aos dez anos ampliando a súa conexión co circuíto internacional sen perder a identidade coa que naceu en Vigo.
*Podes consultar AQUÍ a lista de filmes que entran na Selección Oficial do GFFF.



