O Galician Freaky Film Festival quenta motores con varias actividades de balde
Do 19 ao 27 de setembro o cinema freak apodérase da Plaza Elíptica de Vigo con ducias de actividades entre proxeccións da Selección Oficial, filmes homenaxeados, Pequefreak, proxeccións especiais, concurso de banda deseñada, exposición e mesas cadradas. Pero antes, o Galician Freaky Film Festival ten preparadas tres actividades gratuítas para ir quecendo o ambiente freak da cidade.

Entre o 19 e 27 de setembro, celébrase a novena edición do Galician Freaky Film Fest no Centro Comercial Plaza Elíptica. Trátase dun evento de cinema e cultura freak que, desde o ano 2017, proxecta en Vigo unha coidada selección de curtametraxes de xénero, tanto nacionais como internacionais. Ademais da selección mencionada, a programación de actividades paralelas e o bo ambiente fan que o éxito do GFFF medre cada ano, indo máis alá do cinematográfico para converterse nunha auténtica experiencia da comunidade freak.
A programación deste ano é, posiblemente, a máis ampla ata a data, coa proxección de ata 74 curtas de 35 países, clásicos de culto, concurso de cómic, programación infantil, encontros con outros festivais de España, Portugal e Italia, mercado, charlas do máis curiosas e un longo etcétera. A maiores do programa oficial, esta semana ofrecen tres aperitivos gratuítos para ir abrindo o apetito freak.

Venres 12 ás 19:00 h en FNAC Vialia – Presentación Odio
Presentación e sinaturas da novela Odio de Gabriel Romero. Gañadora do Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025, Odio é unha historia distópica futurista ambientada en Neo-Vigo e que fará as delicias dos máis fans do xénero.
Venres 12 ás 20:30 h en Maraca – Presentación do festival + Greatest Freaks
Encontro cos programadores do festival no que se presentarán as novidades desta edición e se proxectarán algunhas das mellores curtametraxes da edición pasada. Curtas delirantes, cervexa e moitas gargalladas!
Sábado 13 de setembro ás 20:00 h na rúa do Príncipe – Zombie Walk
Unha Zombie Walk é un evento social no que un grupo de persoas se caracterizan como zombis e percorren a cidade imitando os movementos e comportamentos típicos dos mortos viventes.
17:30 – Apertura do toucador zombi e inscricións á pasarela.
20:00 – Instrucións previas e inicio da GFFF Zombie Walk.
21:15 – Flashmob “Time Warp” (podes ver a coreografía nesta publicación de Instagram).
21:30-22:30 – Pasarela zombi e entrega de premios aos mellores zombis da xornada.





