O Galicia Fest pecha o cartel con Coti, Lori Meyers, José de Rico e Vera Fauna

A segunda edición do Galicia Fest xa ten o seu cartel completamente pechado e faino cunha aposta musical variada e de grande atractivo para o público. O evento terá lugar os días 26 e 27 de xuño no peirao de Transatlánticos de Vigo e os abonos xa están á venda.

Lori Meyers | B. Barros

As últimas confirmacións engaden nomes de peso e estilos diversos. O arxentino Coti achegará ao festival o seu repertorio de pop rock en castelán, marcado por cancións que acadaron grande éxito internacional ao longo das últimas décadas. Pola súa banda, Lori Meyers representa unha das formacións máis influentes do indie estatal, cun directo recoñecido pola súa intensidade e unha traxectoria consolidada tras máis de vinte anos sobre os escenarios.

No ámbito máis bailable, o DJ e produtor José de Rico incorporará ao cartel a vertente electrónica e urbana, cun repertorio cheo de éxitos que marcaron veráns e pistas de baile. Completa esta nova tanda Vera Fauna, unha das propostas emerxentes máis interesantes do panorama actual, cun son que mestura indie, psicodelia e influencias do folclore andaluz.

Estas incorporacións súmanse a un cartel xa de por si diverso, no que destacan artistas e bandas como Maryland, Pablo Lesuit, Miriam Rodríguez, Carla Lourdes e Fredi Leis, que reforzan a presenza da escena galega. Xunto a eles, nomes populares como La Reina del Flow, Juan Magán, Taburete, Álvaro de Luna e Marlena completan unha programación pensada para públicos diversos.