O Galicia Fest incorpora o baloncesto para enriquecer a proposta

O 29 e o 30 de agosto, o Peirao de Transatlánticos de Vigo énchese de concertos coa celebración da primeira entrega do Galicia Fest. Mikel Izal, Leire Martínez e moitos artistas máis integran a parte musical deste evento, que aspira a consolidarse en Vigo coa celebración de novas edicións. Para reforzar a súa oferta, a organización combina música e deporte promovendo un torneo 3×3 de baloncesto, da man de Deporte Galego da Xunta de Galicia, con premios en metálico valorados nun total de 1.200 €.

O torneo de baloncesto nace, segundo o director do Festival, Antonio Casal, dunha idea que funcionou moi ben nalgún outro festival do norte de Galicia. Deste xeito, co respaldo da Xunta de Galicia (a través dos Concertos do Xacobeo) e da Deputación de Pontevedra, apóstase polo deporte para crear comunidade e potenciar a identidade desta nova iniciativa.

Trátase do clásico 3×3, con dúas modalidades: a masculina, celebrada o venres antes dos concertos; e a feminina, celebrada o sábado. O premio repártese en 400 € para os equipos gañadores das dúas modalidades, e 200 € para cada un dos equipos finalistas, respectivamente. As inscricións formalízanse vía mail (hola@galiciafest.gal) e as bases poderán consultarse na web oficial do evento. As prazas son limitadas.

O verán vigués despedirase en dúas xornadas nas que, xunto á recente incorporación do torneo, dous escenarios albergarán actuacións musicais arredor do indie e do pop con vistas ao mar. Tras a celebración de distintos festivais efémeros que non lograron consolidarse, o Galicia Fest pretende facer do Peirao de Transatlánticos un escenario ao que volver ano tras ano. Antonio Casal e Luisa Sánchez, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, coinciden en que, aínda que se trate dun reto de loxística e enxeñería, este espazo é unha contorna única para celebrar un evento deste calibre, e a mellor opción da que dispoñen.

CARTEL DO TORNEO

CARTEL MUSICAL

O primeiro tramo de abonos completos xa se esgotou, quedando aínda un tramo cun prezo de 50,00 € + gastos de xestión. Porén, tamén se poden adquirir as entradas para cada un dos días a un prezo de 35,00 € + gastos de xestión. Podes adquirilas a continuación:

ENTRADAS