O Galicia Fest completa o seu cartel con seis artistas galegos

O Galicia Fest, que se celebra os días 26 e 27 de xuño no peirao de transatlánticos de Vigo, continúa anunciando artistas para a súa segunda edición. Nesta ocasión son seis novos nomes, todos eles galegos: Pablo Lesuit, Maryland, Carla Lourdes, Míriam Rodríguez, Fredi Leis e Sabela.

O Galicia Fest continúa a súa xeira de confirmacións. Se a semana pasada coñeciamos o primeiro adianto, La Reina del Flow, e un par de días despois catro novos artistas (Taburete, Álvaro de Luna, Juan Magán e Marlena), este luns 17 o festival vigués suma seis nomes, todos eles galegos: Pablo Lesuit, Maryland, Carla Lourdes, Míriam Rodríguez, Fredi Leis e Sabela.

O venres 26 de xuño, acompañando a La Reina del Flow, actuarán Maryland, Míriam Rodríguez, Pablo Lesuit e Sabela. O sábado 27, xornada encabezada por Juan Magán, Álvaro de Luna e Taburete, farán o propio Carla Lourdes e Fredi Leis. O martes pasado activouse a venda de entradas tanto dos abonos como da xornada do venres, e desde o xoves 12 xa están dispoñibles tamén as entradas diarias do sábado. Estes billetes teñen un prezo inicial de 25 euros e os abonos desde 40 euros.

O Galicia Fest adiantou a data de celebración de agosto a xuño, probablemte para evitar as chuvias que pasaron por auga a primeira edición. A capacidade do recinto, que repite respecto ao ano anterior, é de 6500 persoas por xornada. Nese mesmo lugar, o peirao de transatlánticos, terá lugar tamén o dobre concerto de Leiva unha semana despois, os días 3 e 4 de xullo, para o que as entradas xa están esgotadas.