O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas
A semana pasada chegaba ás librarías Os rótulos da nosa vida, un libro que recompila máis de 600 fotografías de rótulos comerciais de toda Galicia dos últimos vinte anos. Os responsables deste ambicioso proxecto son a santiaguesa Ana Cocho, o neerlandés Robert Willemse e o vigués Jorge Lens, co que conversamos para coñecer máis a fondo a súa paixón por este tipo de letreiros, moitos deles desaparecidos ou en perigo de extinción. Preme aquí para mercar o libro na web da Editorial Galaxia.

Este xoves, durante a presentación do libro Os rótulos da nosa vida na Galería Maraca, o coautor Robert Willemse comentaba que na actualidade, ao camiñar por unha rúa comercial, é difícil saber en que cidade ou mesmo en que país se está. Esta uniformidade débese á paulatina desaparición do pequeno comercio, substituído por xigantes multinacionais presentes en cada punto do globo. Así, cambiamos Peluquería Mary por Starbucks; Zapatería La Favorita por KFC; Tintorería Alaska por Ale Hop.
Os rótulos da nosa vida é un ambicioso traballo fotográfico feito a seis mans que recompila máis de 600 fotografías de rótulos en máis de 70 vilas e cidades galegas ao longo de vinte anos. Os autores pretenden, con el, poñer en valor este tipo de sinais identitarias das cidades e manter vivo a memoria das moitas que foron desaparecendo cos anos.

O vigués Jorge Lens empezou a fotografar rótulos de xeito consciente en 2006, un proxecto persoal que aunaba varias das súas paixóns: deambular pola rúa, a fotografía, o deseño, a tipografía e os obxectos antigos: “Cando xuntas todo isto, é como un xogo: ir á deriva pola cidade buscando rótulos chulos, e cada achado é como un premio“, di Lens, profesor na Universidade de Vigo. Despois de case dúas décadas recompilando este tipo de fotografías de diferentes puntos de Galicia (especialmente en Vigo) e o norte de Portugal, foi o neerlandés Robert Willemse (“outro friki dos rótulos”) quen propuxo xuntar os seus arquivos e os de Ana Cocho (quen publicou en 2006 Rotulados, un traballo semellante de rótulos coruñeses) para facer un libro.
A moitos pode sorprenderlle esta pulsión por elementos comerciais, pero o certo é que a súa presenza modela a identidade e a estética das cidades, outorgándolle esa autenticidade que cada vez está máis ausente. Preguntado sobre se pensa que a xente valora os rótulos como un ben patrimonial a protexer, Lens opina que cada vez máis “hai unha conciencia de que estes rótulos forman parte da nosa memoria, da nosa identidade e do imaxinario das cidades. Existen movementos e asociacións, incluso a nivel estatal, que buscan documentar, recuperar e divulgar estas manifestacións gráficas. Con todo, queda moito camiño por percorrer. Non pode ser que rótulos que definen unha cidade acaben no lixo“.

Sobre isto último, hai algunhas perdas especialmente dolorosas para o fotógrafo vigués: “Por afinidade, o de Pacheco na rúa Príncipe. Sempre souben que ía desaparecer e cheguei a pensar en rescatar o letreiro. Tamén me doeu moito o de Tipografía Regional, en Falperra. Este letreiro non só daba o título visual ao libro, senón que lle daba o nome orixinal ao meu proxecto ( @tipografiaregional). Perder os rótulos e tamén a arquitectura dese comercio foi moi triste”, explica. Outros letreiros desaparecidos son o de Barreras, Cordelerías MAR, Chocco, La Favorita, Mercería Pilsy e un longuísimo etcétera.

Non todo é negativo. Afortunadamente, aínda quedan algúns rótulos senlleiros con vida na nosa cidade. Deses, o seu favorito é o da fábrica La Metalúrgica, en García Barbón: “Data de 1900 e, aínda que demoleron o interior, mantiveron o rótulo. É un letreiro que nos leva a outra época e a unha industria antiga, como a conserveira. A nivel tipográfico, o seu ferro sobre pedra, coas súas letras decorativas e ornamentais, ten un aire Art Nouveau e un carácter moi nobre”. Á lista podemos engadir o de Conservas de pescados Miau (cuxo futuro é incerto), Bodegas Bandeira (que mellorou o seu estado tras a rehabilitación do edificio), Café Bar Viajero, a Panificadora ou o de Costura, Abrigos de Piel y Modelos de París, na rúa Carral, outra das favoritas de Lens.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025
- Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m**** - 26 Novembro, 2025
- O mapa da represión franquista en Vigo - 20 Novembro, 2025
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025



