O festival Underfest desvela o seu cartel completo e incorpora catro novas bandas internacionais

O Underfest Xacobeo completa o seu ambicioso cartel de 2025 sumando destacados nomes internacionais e estatais, ademais do mellor talento galego. Rinôçérôse, Maximilian Hecker, The Devils, Cápsula, Sr. Chinarro ou Rizha son algunhas das últimas confirmacións. Preme aquí para mercar os abonos ou entradas individuais.

Rinôçérôse | Cedida

Xa queda pouco para que Vigo volva encherse de música cunha nova edición dun festival que conseguiu consolidarse como unha cita imprescindible para o público que busca experiencias diferentes. Artistas de culto xunto a novas propostas, todos eles fóra dese circuíto de nomes repetitivos que colapsan a maioría dos festivais; estilos variados, escenarios singulares e de aforo reducido, onde a música é a verdadeira protagonista.

Os franceses Rinôçérôse, coa súa explosiva mestura de rock e electrónica; o berlinés Maximilian Hecker, nome destacado do dream pop; o potente dúo italiano de rock ‘n’ roll The Devils; ou os vasco-argentinos Cápsula, únense ao cartel do festival. Música para todos os gustos: desde Sr. Chinarro, un nome imprescindible do indie pop español, ata a frescura contemporánea de Rizha ou Nenu. E, por suposto, non faltará a achega galega con Black Stereo, Incurable ou The Freebillies.

A 8ª edición do Underfest Xacobeo contará ademais con outras figuras de renome da escena internacional como os lendarios The Psychedelic Furs, os franceses Tahiti 80, os neerlandeses Dewolff ou os estadounidenses We Are Scientists, xunto a proxectos de referencia no panorama estatal como Chucho, propostas frescas e rupturistas como Paco Pecado, Los Manises, Nestter Donuts ou Vacaciones Permanentes.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais dun fin de semana do 13 ao 15 de novembro que será frenético, unha vez máis celebrarase o ciclo “Bites”, no que contaremos cos galeses The Tubs (21 de novembro), unha das bandas de moda no Reino Unido, herdeiros de The Smiths ou Sugar; unha banda de culto como os estadounidenses Cracker (23 de novembro), referentes para todos os amantes do rock de raíces; e co canadense Patrick Watson (17 de xaneiro) e as súas emocionantes composicións, para un peche do festival por todo o alto.

Os abonos xerais para o festival volveron esgotarse aos poucos minutos de saíren á venda, sen coñecerse aínda ningún artista do cartel, mostra da confianza do público nas propostas que ofrece o festival. Xa están dispoñibles o Abono de Salas, as Entradas de Día e as Individuais en Ataquilla.com.