O Festival Sinsal ofrecerá concertos no patrimonio industrial de Vigo
Este ano o festival Sinsal esténdese en tempo e espazo e, ademais do evento de cartel segredo que se terá lugar en San Simón do 24 ao 26 de xullo, celebrará concertos en espazos singulares arredor do Camiño Portugués entre o 31 de xullo e o 2 de agosto.

O patrimonio industrial de Vigo será un dos pricipais escenarios dos concertos organizados por Sinsal entre o 31 de xullo e o 2 de agosto. Baixo o nome de ‘O Camiño Portugués’, esta sección reforza a relación que Sinsal mantén co país veciño dende os seus inicios e serve, ademais, de antesala para a celebración do seu 25o aniversario en 2027. Así, este segundo bloque de programación nace como unha referencia directa ás orixes do propio festival. A principios dos anos dous mil, a escena musical de Porto e Lisboa, os seus clubs e as tendas de discos de culto foron a influencia principal á hora de poñer en marcha o proxecto.
‘Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve’ é o nome da actividade que abrirá a segunda fin de semana de programación do Sinsal e na que o público poderá explorar a cultura e o son da cidade portuguesa a través dos lugares nos que se celebra este festival de música electrónica, arte sonora e dixital, unha das propostas culturais máis valoradas de Portugal. O percorrido -unha proposta limitada a 30 asistentes-, será polo centro histórico e incluirá espazos de exposicións, salas de concertos, museos, fábricas e tendas con encanto, unha casa chea de libros ou xardíns agochados. Ao longo da tarde haberá tamén actuacións artísticas de bandas e solistas locais.
Á outra beira do Miño, o público poderá descubrir o mesmo venres 31 de xullo o patrimonio industrial vigués a través de concertos en localizacións simbólicas da actividade portuaria, como é o caso da nave Reder@s de Vigo no peirao de reparacións de Bouzas, que acollerá a estrea en Galicia do grupo madrileño Las nietas del Charli; ou o Peirao do Arenal que, entre bloques xigantes de granito, será o escenario no que actúe María Rodés, unha celebración que coincidirá co 50 aniversario de Kaleido Logistics.

O itinerario musical do festival tamén fará parada noutras arquitecturas significativas da zona ligadas á paisaxe mariñeira e histórica, como o Museo do Mar de Galicia que o sábado 1 acollerá unha programación con cartel secreto, coma acontece na illa de San Simón. No Mosteiro de Oia, o único edificio cisterciense situado na costa do océano Atlántico, e no que actuará Alondra Bentley no concerto de peche do festival o domingo 2.
Desde hoxe, a través de Sinsal.gal, é posible adquirir os billetes para asistir a calquera das cinco propostas que conforman esta parte final da travesía do Sinsal 2026. Como é habitual no festival, as entradas para menores de 17 anos terán un prezo reducido e haberá a posibilidade de combinar os billetes de venres 31 e sábado 1 en Vigo a través dun abono.
24, 25 e 26 de xullo: illa de San Simón
● Abonos e entradas para o sábado 25 de xullo esgotadas.
● Dispoñibles as últimas entradas para o venres 24 e domingo 26.
31 de xullo, 1 e 2 de agosto: Camiño Portugués + Vigo
● Abono venres 31 e sábado 1 de Vigo: 50€ adultas / 25€ menores de 17 anos
● Entradas de día: prezo diferenciado para adultas e menores de 17 anos
○ Venres 31. Braga: Pasos e espazos do Semibreve x Sinsal. 25€ só adultas
○ Venres 31: Nave de Reder@s de Vigo · Las nietas del Charli. 12€ adultas /
6€ menores
○ Venres 31: Kaleido Logistics · María Rodés. 18€ adultas / 9€ menores
○ Sábado 1: Museo do Mar · Cartel secreto. 28€ adultas / 14€ menores
○ Domingo 2: Mosteiro de Oia. Alondra Bentley. 12€ adultas / 6€ menores



