O Festival de órgano 8 Pés celebra o seu quinto aniversario coa edición máis internacional
A Concatedral de Santa María acollerá catro concertos entre o 19 e o 22 de novembro para poñer en valor o órgano Alberdi, o único en funcionamento na cidade. A entrada é mediante donativo e precisa reserva en Enterticket.

Coincidindo coa festividade de Santa Cecilia, patroa da música, chega a Vigo unha nova edición do Festival de Órgano 8 Pés, que este ano celebra o seu quinto aniversario. Organizado pola Orquesta Clásica de Vigo, o festival naceu en 2021 co obxectivo de poñer en valor o órgano Alberdi, construído en 1909 e o único instrumento deste tipo en funcionamento na cidade. O festival debe o seu nome á altura do tubo máis grave deste órgano, que determina o seu rexistro.
Durante catro días, do 19 ao 22 de novembro, a Concatedral de Santa María (coñecida como igrexa da Colexiata) acollerá concertos de catro artistas internacionais. O festival abrirase o martes 19 de novembro co concerto do organista Diego Innocenzi, nacido en Bos Aires e afincado en Xenebra. O mércores 20, será a quenda de Óscar Candendo, profesor e organista titular da Catedral do Buen Pastor de Donostia.
O xoves 21 de novembro actuará Olivier Latry, un dos organistas máis prestixiosos do mundo, profesor no Conservatorio de París e titular da Catedral de Notre-Dame. Por último, o venres 22 de novembro, día de Santa Cecilia, pechará o festival o madrileño Enrique Martín-Laguna, habitual nas grandes catedrais españolas e colaborador en anteriores edicións do 8 Pés. Estará acompañado pola Orquesta Clásica de Vigo.
A programación completarase cunha charla o sábado 22 de novembro ás 12:30 horas no Camões, titulada Unha pronunciación galega no norte de Portugal, a cargo do profesor José Rodrigues, director do Festival de Órgano de Braga. Nela abordarase a historia, características e presencia da desaparecida organería galega que podemos atopar hoxe na cidade Braga.
Ademais, durante os días do festival, o público poderá participar en visitas guiadas ao órgano Alberdi, acompañadas polo musicólogo Daniel Sanmartín, quen explicará a historia e as características técnicas do instrumento, construído por Lope Alberdi en 1909 e restaurado en 2017 por Federico Acitores.
A entrada é de balde a todas as actividades, pero é preciso facer unha reserva a través da web Enterticket. A organización lembra a importancia de facer un donativo, tanto na reserva das entradas como durante os concertos, xa que a recadación íntegra destínase a garantir a continuidade do proxecto e a conservación do instrumento histórico.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Pereira celebra vinte anos de ‘Cocina de Abordo’ cunha edición guiada polo cociñeiro Javier Olleros - 10 Decembro, 2025
- Lume de Carozo, un clásico que nunca foi convencional - 7 Decembro, 2025
- Milongas, o asador que non anda con contos - 9 Novembro, 2025
- O Festival de órgano 8 Pés celebra o seu quinto aniversario coa edición máis internacional - 7 Novembro, 2025
- Pepe Solla chama á solidariedade na Gran Recollida do Banco de Alimentos de Vigo - 7 Novembro, 2025



