O festival de ciencia CinVigo trasládase á beira da ría

Vigo prepárase para acoller, os días 25 e 26 de abril, a cuarta edición de CinVigo – Ciencia na Rúa. Este festival de divulgación, organizado polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), presenta este ano unha novidade loxística destacada: o seu traslado á avenida de Beiramar, na contorna do monumento a Jules Verne.

O núcleo central do evento é a feira científica escolar, que nesta edición logra o fito de contar, por vez primeira, con representación de centros educativos das catro provincias galegas. Durante o sábado e o domingo instalaranse unhas carpas nas que preto de 250 estudantes de secundaria, acompañados por máis de 50 docentes, presentarán un total de 68 proxectos de investigación a toda a cidadanía que se achegue a coñecelos. Para Tania Calvo, docente do IES Castelao que repite na feira, do que máis goza o alumnado é do contacto co público e co resto de estudantes. «Véselles orgullosos do traballo feito ao longo do ano», sinala. Nesta edición asistirá como coordinadora dun proxecto de bioplásticos elaborados a partir de elementos orgánicos: «A idea é que o público poida manipulalos e realizar varios procesos mecánicos para comprobar a súa resistencia», explica.

DEPO LETRAS GALEGAS

Estes traballos non só son expositivos, senón que participan nun certame avaliado tanto por persoal investigador do CINBIO como polo público asistente, que poderá votar polo seu proxecto favorito. Tamén repite a profesora de Física e Química do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) Isabel Fernández, que este ano asiste con tres grupos e asegura que a experiencia en CinVigo é unha das que máis valora o seu alumnado ao longo do curso. Os mozos investigadores a cargo de Fernández gañaron o ano pasado na categoría Young Researchers (3.º e 4.º da ESO) polo seu traballo «Cristais hidrófobos». O premio consistiu en participar no mes de marzo na exposición barcelonesa Exporecerca, unha feira con 26 anos de historia na que estudantado da ESO e bacharelato de toda Europa presenta os seus proxectos científicos.

CinVigo crece en cada edición e este ano amplía o seu abano de actividades para incluír colectivos que adoitan quedar fóra destes circuítos. Unha das principais novidades son os obradoiros para maiores de 65 anos, centrados na ciencia da cosmética e o autocoidado, con elaboración de cremas e protectores solares, co fin de promover o acceso á cultura científica nesta franxa de idade. Para a infancia de 3 a 12 anos, o Espazo Corresponsables ofrecerá talleres de microscopia e circuítos eléctricos.

O festival mantén o seu compromiso coa accesibilidade, polo que a xincana científica polo Náutico está adaptada para persoas con diversidade funcional e as actividades principais, como os monólogos científicos ou o espectáculo Cienceando, contarán con intérpretes de lingua de signos.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES:

Feira científica con 68 proxectos de centros educativos galegos: sábado 25, de 11:00 h a 14:30 h e de 16:00 h a 19:00 h, e domingo 26, de 11:00 h a 13:00 h.

SÁBADO 25:

  • 11:00h Apertura feira científica
  •  11:00h Saída xincana científica inclusiva
  •  12:00h Final xincana
  •  16:00h Minuto de ouro: proxectos ao escenario!
  •  17:30h Minuto de ouro: proxectos ao escenario!
  •  18:30h Monólogos científicos: Ciencia Calidade
  •  19:00h Peche stands
  •  19:00h Espectáculo Cienceando

DOMINGO 26:

  • 11:00h Apertura feira científica
  • 12:00h Espectáculo Cienceando
  • 13:00h Peche stands
  • 13:00h Entrega de premios feira científica

A programación completa de actividades e a inscrición nas mesmas pode facerse desde a páxina web do festival.