O Festival de Cans estreará dez obras na categoría de ficción e animación
O Festival de Cans, que celebrará a súa XXIII edición entre o 19 e o 23 de maio, terá ata dez obras de estrea nas súas seccións competivitas de Ficción e Animación, das que formarán parte un total de trece curtametraxes que reflicten a aposta do certame polo cinema emerxente e a variedade das propostas. Esta edición conta ademáis cun incentivo especial como é a elección por parte da Academia do Cine de Cans como certame puntuable para os Premios Goya.

No trasfondo das historias atópanse temáticas como o medio ambiente, a saúde mental ou arredor do universo LGTBI+, plasmándose en xéneros que van desde o drama social ao terror pasando pola comedia negra. As competicións de ficción e animación contarán con ata sete cineastas debutantes, como Juan Barbazán, Varo López ou Bea Lema, xunto a autoras e autores máis experimentados como Guillermo de Oliveira ou Virginia Curiá.
Entre os títulos que conforman a sección competiviva atópase Cara de cona, a nova curta do realizador vigués Guillermo de Oliveira, que terá a súa estrea en Galicia. É a última curta deste director antes de estrear a súa primeira longametraxe de ficción. A obra está protagonizada por Milo Taboada, Diego Anido e Nancho Novo, e presenta a historia dun home obsesionado co seu veciño ata o punto de idear un plan extremo para facerlle a vida imposible, nunha proposta que mestura humor ácido e tensión.
Tamén destaca a estrea en España de El jardín de Yuriana, o regreso ao formato curto do cineasta de A Rúa Luis Solarat, quen iniciara a súa traxectoria en Cans. A curta, codirixida coa cineasta Natalia Mejía, e rodada na Amazonía peruana con comunidades indíxenas, constrúe unha fábula íntima arredor dunha nena con problemas de comunicación que, tras un suceso inesperado no seu entorno, debe enfrontar os seus medos e atopar a súa propia voz.
No ámbito do drama social, María Rita, de Juan Barbazán —estrea en Galicia—, afonda na liña híbrida co documental, nunha dura realidade: a vida dun bebé de catro meses fillo dunha parella toxicómana, cuxa situación obriga á intervención dos servizos sociais. Pola súa banda, Química, de Senín Porto, tamén estrea absoluta, aborda as tensións dunha parella, interpretada por Sheyla Fariña e Adrián Ríos, que atravesa un complexo proceso de adopción, onde saen á superficie medos e segredos que poñen en risco a relación. Este cineasta xa levara o Premio do Público en Cans en 2024, pola súa curta Betas.
Unha fina liña dunha atmosfera de terror está presente en El lago silente, do debutante Varo López, que chega como estrea en Galicia tras acadar unha flamante Biznaga de Prata do Premio do Público no Festival de Málaga. A curta, na que o cineasta prescinde dos diálogos, propón unha viaxe angustiosa na que un grupo de persoas debe enfrontarse a unha presenza inquietante para tratar de sobrevivir.
Desde unha perspectiva máis íntima e experimental, Oco, de Anxo González, supón a estrea absoluta da curta deste cineasta que xa fora recoñecido en Cans na sección Novas Camadas. A obra, protagonizada por Mónica Caamaño, mergúllase no proceso de duelo dunha muller, a través de silencios e lembranzas que evocan a ausencia.
Entre as estreas absolutas figura tamén Ante o avesío, de Xaime Miranda, unha historia que combina tradición e elementos sobrenaturais: un pai desesperado recorre a unha meiga para curar ao seu fillo, iniciando unha viaxe marcada por forzas escuras. A curta conta co actor Miguel de Lira entre os seus protagonistas, e coa música orixinal de Nuno Pico, líder da banda Grande Amore.
Completan a selección Y quién no teme al lobo feroz, debut na dirección do actor Mateo Franco, protagonizado pola actriz María Araujo, e centrado nunha relación marcada pola manipulación e a violencia emocional, tamén seleccionada a competición na última edición do Festival de Málaga, e Algo novo que contar, da viguesa Paula Pereira, un relato xeracional sobre a descuberta da identidade e a sexualidade, atravesado polo medo e a presión social.
A sección de animación contará con catro curtametraxes, dúas delas estreas, que abordan temáticas de gran relevancia social e emocional. Entre elas destaca a estrea absoluta de Cátodo corazón, do xove cineasta Manu Sacoga, unha historia sobre un robot abandonado que adquire conciencia e comeza a experimentar sentimentos.
Tamén terá a súa estrea nun festival en Galicia a curta O mesmo, de Virginia Curiá, que reflexiona sobre a violencia de xénero na contorna dixital a partir do reencontro de dous antigos compañeiros de instituto e as consecuencias dun acto do pasado. Xunto a ela, O corpo de Cristo, de Bea Lema —adaptación da obra coa que a autora gañou o Premio Nacional de Cómic—, aborda a saúde mental e a busca de respostas entre a medicina e a espiritualidade; e Lucus, de David Fidalgo, director que xa gañara a competición de animación en Cans. Neste caso transporta ao espectador á época romana a través da historia dunha moza que tenta evitar a destrución do seu fogar tras ter visións do futuro.

