O Festival de Cans coroa a Víctor Coyote como referente multidisciplinar da súa XXIII edición
O músico e debuxante tudense recibirá o Chimpín de Prata nun certame que fundirá cine e música en directo con actuacións do propio Coyote, Mounqup e De Ninghures que actuarán no Invernadoiro Rei Zentolo e no baixo de Bugarín, respectivamente.

O Festival de Cans continúa perfilando a folla de ruta para a súa edición número 23, que se celebrará entre o 19 e o 23 de maio. Este ano, o evento porriñés decidiu poñer o foco nunha figura esencial da creación periférica e urbana: Víctor Coyote. O artista de Tui non só será homenaxeado co prestixioso Chimpín de Prata, senón que se converterá no eixo dunha programación que explora a súa dobre faceta como músico e ilustrador vinculado ao mundo audiovisual.
A traxectoria de máis de catro décadas de Víctor Coyote será obxecto dun recoñecemento especial. O certame programará unha exposición retrospectiva que percorre a súa influencia no cinema e a televisión, mostrando desde storyboards para directores como Álex de la Iglesia ata deseños para series contemporáneas como Poquita Fe. A homenaxe culminará o sábado 23 de maio no Invernadoiro Rei Zentolo, onde o artista ofrecerá un concerto ás 20:00 h para presentar o seu último traballo, El Propio, demostrando esa capacidade única para mesturar rock, punk e ritmos latinos que o caracteriza desde os tempos da Movida.
A música no Invernadoiro terá outro momento excepcional coa actuación de Mounqup. A artista franco-ourensá protagonizará un concerto que será parte do cine: a directora Paloma Zapata filmará secuencias da súa próxima película, Juliette e Camille, durante o propio festival. Por outra banda, Cans reafirma o seu compromiso coa realidade social a través da proxección do documental ‘360 curvas’, gañador do Premio Mestre Mateo. O venres 22, no Baixo de Bugarín, o filme sobre o despoboamento rural contará cun epílogo de luxo: un encontro co público e unha actuación en directo de membros da banda De Ninghures, encargados de poñer son a esta historia inspirada na tradición da Fonsagrada.
O festival non esquece o seu carácter comunitario e familiar. O sábado 25, o espazo de A Leiriña no Parque do Río acollerá actuacións didácticas e concertos de grupos como Dúo Xistra, Los Tónikash e Noite Son, nunha contorna mellorada para a comodidade dos asistentes.
Debido á singularidade dos espazos, o aforo será moi limitado:
- Invernadoiro Rei Zentolo: Entradas a 7,00 € (bonos para os dous concertos por 10,00 €).
- Baixo de Bugarín (360 curvas): Entrada a 5,00 € (límite de 90 persoas).
As entradas xa están dispoñibles a través da canles oficiais do festival ata o 19 de maio ou ata esgotar as localidades.
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- O festival ‘Cinema a Pedal’ de Nigrán entra na recta final de recepción de obras con forte proxección internacional - 5 Maio, 2026
- O Festival de Cans coroa a Víctor Coyote como referente multidisciplinar da súa XXIII edición - 21 Abril, 2026
- Piratas de Nabia celebra o Día da Nai con viaxes de balde polas Rías Baixas - 15 Abril, 2026
- A segunda esdición do Festival Internacional de Series Ría de Vigo celebrarase en xuño - 27 Febreiro, 2026
- Skeirrum: a cidade en xogo - 18 Decembro, 2025


