O Festival de Cans acollerá seis estreas na sección Furacáns
O Festival de Cans, cuxa XXIII edición terá lugar entre o 19 e o 23 de maio, proxectará na sección de non ficción Furacáns o debut como cineasta do xornalista e poeta Ángel Suanzes, así como as novas obras de Arturo Franco, Candela Conde, Fon Cortizo, Hugo Amoedo ou Diana Toucedo. O festival opta nesta edición por unha vibrante sección con obras de non ficción que se desenvolven en contextos rurais, plasmados en propostas arriscadas. Podes mercar aquí as entradas.

O Festival de Cans, cuxa XXIII edición terá lugar entre o 19 e o 23 de maio, seleccionou once curtametraxes para formar parte da competición oficial da sección Furacáns, que loitarán polo Can de Pedra á mellor obra de non ficción, con especial atención a autoras e autores que ofrecen propostas con narrativas máis arriscadas.
A sección contará cun total de seis estreas —tres absolutas e tres en Galicia— e cunha presenza destacada de cineastas mulleres, que asinan catro das obras a concurso. A selección deste ano pon o foco en varias obras desenvolvidas en contextos rurais, con temáticas como o despoboamento, as ausencias e a recuperación da memoria, moi presentes ao longo de toda a liña de programación do certame.
Entre as estreas absolutas destaca Escala un cincuentamil, o debut como director do xornalista e poeta Ángel Suanzes, unha proposta de carácter íntimo e poético que parte da historia familiar para afondar na memoria e nas relacións persoais.
Tamén se estreará A senda da deshabitaxe, de Candela Conde, unha peza experimental que reflexiona sobre o abandono e a desaparición da vida comunitaria dunha aldea no interior da provincia de Lugo; e A filla do canteiro, do cineasta coruñés Arturo Franco, un retrato sobre a desaparición dos oficios tradicionais e o despoboamento, a través da memoria dunha muller e da súa contorna e Hexa, de Santi Berdullas, unha proposta experimental construída a partir de imaxes do ceo captadas cun telescopio coa que o cineasta aborda cuestións como o paso do tempo ou a soidade non desexada.
No apartado de estreas en Galicia, poderá verse por vez primeira Mon Autre Mamman, de Fon Cortizo, un cineasta coñecido de Cans que regresa ao festival cunha breve pero intensa historia arredor da identidade, a emigración e a procura das orixes; e Azul, do actor e director Adrián Viador, rodada nunha cala perdida da Illa da Palma, cunha marcada dimensión medioambiental.
A sección complétase con novos traballos de cineastas xa consolidados no panorama galego. Hugo Amoedo, que gañou unha das anteriores edición do festival, presenta Moon Safari, unha historia sobre a memoria e os recordos a través da música dun amor de xuventude, mentres que Diana Toucedo competirá con La historia todavía no conoce mi nombre, filme sobre a terra de Yucatán (México) que vén de participar na Seminci de Valladolid.
Xunto a eles, Andrea Zapata, outra gañadora do certame regresa a Cans con Danza propia, unha peza arredor do corpo e a memoria construída con relatos íntimos das dúas mulleres protagonistas, que narran como experimentaron o tacto ao longo da súa vida; Berio Molina presenta Furada Negra, unha proposta hipnótica que afonda na xeoloxía e na memoria do territorio; e Antía Carreira competirá con Pupa, un ensaio fílmico que explora identidades e experiencias de persoas trans e non binarias desde o íntimo e o colectivo.
Entradas e últimos packs de oferta á venda
As obras da sección Furacáns proxectaranse o sábado 23 de maio, día Grande do certame. As entradas para esta sección terán un prezo de 7 euros. Haberá un aforo limitado a só 200 entradas dispoñibles, repartidas en dous pases: sesión de mañá e sesión de tarde. Na xornada de tarde celebrarase no Torreiro de Cans, epicentro do festival, o encontro cos cineastas a competición, onde o público poderá coñecer de cerca as súas propostas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Campamentos de verán: Imaxinatea Lab Creativo - 14 Maio, 2026
- SonDeSeu: a primeira orquestra folk de Galicia celebra o seu 25º aniversario - 8 Maio, 2026
- Picnic Sesións: a revolución cultural de Saiáns que naceu no corazón de Radio Costeira - 24 Abril, 2026
- As dúas tendas de discos máis veteranas de Vigo súmanse ao Record Store Day - 16 Abril, 2026
- A biblioteca de Schrödinger: vai ter por fin Teis unha biblioteca ou só unha sala de lectura? - 16 Abril, 2026


