REVISTA VERAN

O escritor Pedro Feijoo protagoniza o valo de Pereira

“Lobos de mar, montañas de valor” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións da Avenida de Beiramar. O escritor e músico vigués, Pedro Feijoo, é o autor desta expresión coa que recoñece “o coraxe, a dureza e a dignidade” de aqueles que viven e traballan no mar. O gañador do Premio Xerais 2023, súmase así a unha iniciativa de máis dunha década de traxectoria, na que tamén participaron Antonio García Teijeiro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou Domingo Villar.

Pedro Feijoo xunto a unha reproducción do valo coa súa frase | P. Vázquez

Anualmente, desde 2012, Pereira Productos del Mar encarga unha frase que represente o espírito mareiro da empresa a un autor ou autora galegos. Este ano, o encargado foi Pedro Feijoo, Premio Xerais de Novela 2023. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, Feijoo deu comezo á súa carreira literaria como ensaísta. Porén, o seu éxito se debe aos seus traballos como novelista, dos que destacan Os fillos do mar, A memoria da choiva, Un lume azul ou Ninguén contará a verdade. A boa acollida recibida por Onde nacen as bestas, a súa publicación máis recente, veu a consolidalo como un dos novelistas con maior proxección do panorama literario español.

Onde nacen as bestas (Pedro Feijoo, 2025) | P. Vázquez

Durante a presentación oficial do novo valo, a bordo do buque pesqueiro Argos Pereira, Pedro Feijoo expresou o orgullo que lle provoca participar nesta campaña: “Herdada pola banda da miña nai, sempre houbo na miña familia unha relación moi estreita co mundo do mar e a pesca, polo que non podo sentir menos que respecto e admiración por un traballo que de sempre me pareceu tan duro como fascinante. Ademais, son coñecedor non só da longa tradición mareira de Pereira senón tamén da súa sensibilidade para coa nosa cultura, visible en actividades como esta que agora nos ocupa e reúne. (…) é por todo isto que agora mesmo non podo sentirme máis honrado (…) non pode facer que me sinta máis orgulloso como autor, como galego e como home de mar”.

Pedro Feijoo na presentación oficial do novo valo | P. Vázquez
RIO VERBENA

“Lobos de mar, montañas de valor” toma o relevo a “Chamoume o mar para romper augas” da poeta e ensaísta Olga Novo, que estivo no valo durante o pasado ano 2024. Algunhas das frases anteriores foron: “O paso do boi é lento pero seguro” (José Pereira Álvarez, 2023), “As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” (Antonio García Teijeiro, 2022), “O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” (Yolanda Castaño, 2021), “Podo temer a morte, pero non quero ter medo a estar vivo” (Domingo Villar, 2020), “O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” (Domingo Villar, 2019) ou “Neste mar navegan os barcos da nosa vida” (Ledicia Costas, 2018), entre outras.