BIBOPALULA

O Encordass Fiddle Fest, catalizador da música popular galega

Do xoves 26 ao domingo 29 de xuño celébrase, na Illa de San Simón, unha nova entrega do Encordass Fiddle Fest, un festival internacional de música de corda, co violín popular como fío conductor. O evento organizado pola asociación viguesa Galicia Fiddle serve de escaparate de novos talentos galegos. Grupos como Caldo, Abril ou As Xoubas consolidáronse arredor deste proxecto.

Imaxe cedida por Sara López
Imaxe cedida por Sara López

María Jorge, violinista do grupo Caldo, descubriu o violín fiddle ao ver o cartel da primeira edición do San Simón Fiddle e decidiu asistir xunto coa súa compañeira do conservatorio Marina Carpente, violinista do grupo Abril. As dúas músicas participaron neste campamento dirixido a rapazada de entre 8 e 25 anos. Durante unha semana na illa de San Simón, descubriron unha infinidade de posibilidades co violín máis aló do seu carácter clásico:  “Sentimos unha especie de liberación e de relax. Non sentes o violín como un instrumento co que tes que demostrar a túa valía, senón como unha ferramenta de comunicación e de expresión”. Así describe María a transición do violín clásico ao tradicional e engade: “Ademais, o fiddle se comprende máis como un instrumento dedicado á colectividade. Quizais o violín clásico está máis enfocado á superación de retos individuais, aínda que por suposto tamén existen conxuntos”.

Un caso distinto é o de Sara López, violinista no grupo de As Xoubas. Formouse integramente na ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional) e no ambiente dos eventos de Galicia Fiddle, organización sen ánimo de lucro que promove o uso dos instrumentos de corda dun xeito alternativo, vencellado á música tradicional e ó folk. “Nunca pisei ningún conservatorio nin ningún outro tipo de escola, e a verdade non considero que o precise, porque tiven unha formación moi completa”, explica Sara.

O Encordass Fiddle Fest, o campamento de San Simón Fiddle, os cursos para adultos… Galicia Fiddle ofrece unha gran variedade de oportunidades e posibilidades coas que gozar coa música popular nunha paraxe única como a da illa de San Simón. María, Marina e Sara coinciden na importancia do ambiente xerado nos campamentos para conquistar ás persoas que asisten: “Non hai ninguén que se sinta fóra de lugar. En San Simón sempre vas atopar persoas e actividades que che axuden a conectar”, explica a intregante d’As Xoubas.

Marina Carpente e María Jorge durante o campamento en San Simón | Cedida por María Jorge

No tocante ao festival, Marina Carpente sinala a orixinalidade da proposta: “No Encordass ofértase unha experiencia que non existe en ningún outro lugar de Galicia, e case da Península. Ten un valor cultural, de promoción de certos valores e da música tradicional, máis concretamente do papel do violín na mesma, que é moi interesante. Promóvese a música sen partituras e o divertimento da xente sen ningún tipo de prexuízo, o que fai que queramos axudar en todo o posible”. Con moita frecuencia, como é o caso das entrevistadas, os asistentes ao campamento infantil rematan por converterse en voluntarios durante o festival e mestres dos cursos, contribuíndo á evolución e crecemento do proxecto. María Jorge explica: “Eu diría que esta é unha das intencións principais de todo o equipo. O feito de dar un oco, que o campamento sirva para formar e despois dar a oportunidade ás persoas que se forman alí de descubrir se lles mola a docencia, se prefiren un curro de produción… Déixante probar que é o que che gusta.” As violinistas aprezan un crecemento no número de participantes cada ano, así como no espírito de compromiso dos mesmos, permitindo que a oferta medre e a experiencia formativa sexa máis completa. Pasouse, nun primeiro momento, de celebrar únicamente o campamento a ofrecer hoxe un evento moito máis rico e variado, pensado para todas as idades.

Outro aspecto fundamental da proposta é a súa capacidade para a consolidación de artistas emerxentes no panorama musical galego. María Jorge destaca a importancia do que supón a mostra de novos referentes: “É unha maneira de manterse súper conectadas co que acontece na escena, que ao final é o que necesitamos para crear unha esencia propia e despois montar os nosos proxectos”. Sara López coincide na transcendencia do proxecto no panorama actual: “A día de hoxe eu creo que dentro dos violinistas novos galegos, no mundo da música tradicional ou o folk, hai poucos que non saíran de aquí e non coñezan esta experiencia. O que consegue o campamento é que te enganches e lle collas ese gusto a tocar.” Marina Carpente, con respecto á posibilidade dos alumnos de actuar no festival, apunta: “É importante porque senta as bases e te promociona na túa rexión. A xente nova que sae do campamento pode ter alí o seu recunchiño para que a xente a valore, algo moi importante para o seu futuro.” 

As Xoubas actuando na rúa | Cedida por Sara López

Esta nova edición conmemora a música grega, cun cartel que integra artistas profesionais e bandas emerxentes, cun total de máis de 40 concertos. Entre os artistas galegos atópanse bandas como Parbö, Maricarme, Antía Ameixeiras, Jako el Muzicante ou Abril; compartindo escenario con artistas gregos recoñecidos como Kelly Thomá, Efrén López, Rebetiko Trio ou Christos Kanellos Malamás. Ademais, ofrécense visitas musicalizadas; obradoiros e mostras; gastronomía e zona infantil. As entradas para asistir ao festival están á venda na súa páxina web.

REVISTA XUNHO

Texto: Javier Rodríguez