O Congreso del Mar busca converter Vigo na capital internacional da Economía Azul
Deporte, sostibilidade, lecer e innovación poranse en valor na primweira edición do Congreso del Mar que busca converter Vigo, os días 26 e 27 de xuño, na “capital internacional da economía azul”.

O Real Club Náutico de Vigo presentou a I edición do Congreso do Mar, un evento que busca atraer a Vigo talento, investimento, turismo deportivo e visibilidade internacional os días 26 e 27 de xuño. O evento combinará deporte, sustentabilidade, lecer e innovación e incluirase dentro dunha serie de actividades que organizará o club durante as dúas últimas semanas de xuño.
Este congreso “porá o foco non só nos deportes do mar, senón tamén na industria náutica e na economía, no emprendemento e na innovación, así como na sustentabilidade e na inclusión”, incidiu o presidente do Real Club Náutico de Vigo, Antonio Pérez, tras destacar a necesidade de “impulsar a relación de Vigo co mar a través do deporte e de todas as súas variantes”. O programa aínda non se coñece, pero incluirá máis de 50 charlas, máis de trinta actividades e involucrará a 10 starups.
A dirección técnica do evento correrá a cargo da empresa viguesa Diesemm. O seu CEO, David Suárez, destacou que “tendo unha ría no centro da cidade que é referente a nivel industrial, económico e deportivo, chegou o momento de amosárllela ao mundo e de unir a todos os actores protagonistas para facer de Vigo e das Rías Baixas un referente nacional e internacional e aproveitar, entre outras cousas, o potencial que ten o turismo deportivo”.




