O concerto gratuíto de Sés encabeza a programación municipal polo 25N

O Concello de Vigo vén de anunciar a programación polo 25N, o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O programa, todo de balde, inclúe concertos, proxeccións, charlas e espectáculos teatrais.

Sés | Cedida

A artista coruñesa María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, encabeza a programación que o Concello de Vigo preparou polo 25 de novembro, o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. A compositora e cantante ofrecerá un concerto gratuíto no Teatro Salesianos o venres 28 de novembro ás 20:00 h. O apartado musical complétao Xoana, o mércores 12 ás 19:00 no Auditorio Municipal.

No tocante ao cine, a programación conta con varias pezas de directoras destacadas no panorama estatal. O xoves 13 proxéctase no Auditorio Municipal o documental El techo amarillo de Isabel Coixet, que trata dun grupo de nove mulleres que presentaron unha denuncia contra dous dos seus profesores da Aula de Teatro de Lleida por abusos sexuais. Unha semana despois, o xoves 20, proxéctase ás 19:00 no Auditorio Municipal Soy Nevenka de Icía Bollaín, que fala do caso de Nevenka Fernández, quen no ano 2000 sufríu unha persecución implacable por parte do alcalde de Ponferrada. A canción orixinal do filme é da banda viguesa Fillas de Cassandra. Por último, o xoves 27, á mesma hora e no mesmo lugar, proxéctase Evelyn, de Isabel de Ocampo, onde se nos conta a historia dunha muller peruana que viaxa enganada a España pensando que vai traballar nunha cafetería e remata exercendo a prostitución.

O programa complétase cunha variada programación de artes escénicas que van desde pezas teatrais máis tradicionais a performances máis vangardistas. O mércores 19 Iria Pinheiro interpretará Vitória no Auditorio Municipal ás 19:00 h; o venres 21 no Marco será a quenda de Constance Hurlé con Miña pequena; dentro de Vigocultura, o sábado 22, prográmase Sophie non é o meu nome de guerra, de Redrum Teatro; e, para rematar, a Compañía Contraproducións trae Mi abuela no se llama Carmen, ao Auditorio Municipal.

Os días 17 e 18 de novembro, en horario de tarde, terán lugar as xornadas formativas A cosificación e a mercantilización do corpo das mulleres na Sede de Afundación, para as que cómpre inscrición previa. O luns 24, na Casa Galega da Cultura, realizarase a charla coloquio Violencia de xénero, un problema de saúde a cargo de Rosana Izquierdo Fernández, Médica de familia no Sergas. O propio 25 de novembro haberá unha manifestación ás 20:00 h con saída do cruce das rúas Urzaiz e Vía Norte.

MÉRCORES 12 NOVEMBRO – 19:00 h

Actuación musical a cargo de Xoana
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

XOVES 13 NOVEMBRO – 19:00 h

Proxección do filme documental: El techo amarillo (2022), de Isabel Coixet.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

LUNS E MARTES 17 e 18 NOVEMBRO – 16:30-20:30 h

Xornadas formativas: A cosificación e a mercantilización do corpo das mulleres.
Xornadas presenciais con inscrición previa.
📍 Sala de conferencias do Centro Social Afundación. Rúa Policarpo Sanz, 26.

MÉRCORES 19 NOVEMBRO – 19:00 h

Peza teatral: Vitória, a cargo de Iria Pinheiro.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

XOVES 20 NOVEMBRO – 19:00 h

Proxección do filme: Soy Nevenka (2024), de Icíar Bollaín.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

VENRES 21 NOVEMBRO – 19:00 h

Performance: Miña pequena, a cargo de Constance Hurlé.
📍 Galería do MARCO. Rúa do Príncipe, 54.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

SÁBADO 22 NOVEMBRO – 20:00 h

Espectáculo teatral: Sophie non é o meu nome de guerra (VigoCultura).
Dirección: Laura Míguez.
Elenco: Camille Hedouin e Alixa Ladson.
Compañía Redrum Teatro.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Prezo: 8 €. Venda anticipada de entradas.

LUNS 24 NOVEMBRO – 19:00 h

Charla-coloquio: Violencia de xénero, un problema de saúde
A cargo de Rosana Izquierdo Fernández, médica de familia.
Grupo de traballo de Violencia de Xénero e Saúde do Sergas.
📍 Casa Galega de Cultura. Praza da Princesa, 2.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

MARTES 25 NOVEMBRO

ENLAZAVIGO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de FP.
🕥 De 10:30 a 12:30 h.
📍 Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo.
Entrada con invitación previa.

MANIFESTACIÓN – 20:00 h
Convoca: Rede de Mulleres contra os Malos Tratos.
📍 Cruzamento de Vía Norte con Urzaiz.

MÉRCORES 26 NOVEMBRO – 19:00 h

Espectáculo teatral: Mi abuela no se llama Carmen
Autoría, dirección e interpretación: Anna Mayo.
Compañía Contraproducións.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

XOVES 27 NOVEMBRO – 19:00 h

Proxección do filme: Evelyn (2011), de Isabel de Ocampo.
📍 Auditorio Municipal. Praza do Rei, 1.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

VENRES 28 NOVEMBRO – 20:00

Concerto: Sés
📍 Teatro Salesianos. Rúa Venezuela, 3.
Entrada libre ata completar a capacidade do local.

REVISTA NADAL

🔗 Máis información: igualdadevigo.org