O Concello incrementa o orzamento de Cultura para 2026 en máis dun millón de euros

O Concello de Vigo anunciou este martes 28 que incrementa o orzamento de Cultura para 2026 en 1.321.000 euros, chegando aos 19.865.000 euros en total, é dicir, un 7 % máis. Os museos e as bibliotecas son os maiores beneficiarios destas axudas, sumando arredor de 5 millóns.

Biblioteca Juan Compañel | P. Vázquez

Unha das críticas habituais ao goberno de Abel Caballero é o seu desleixo polo ámbito cultural. O alcalde local adoita centrar os seus esforzos (económicos e mediáticos) en eventos multitudinarios como os concertos de Castrelos ou o Nadal, deixando nun segundo plano propostas máis pequenas pero de igual ou maior interese. Non só falamos de cartos: a difusión destes eventos ou a facilidade á hora de empregar espazos ou infraestruturas públicas adoitan ser escasas.

Para tentar revertir esta dinámica, o alcalde informou dun “aumento histórico” no investimento municipal en Cultura, cun orzamento de 19.865.000 euros para o ano 2026, o que supón un incremento de 1.321.000 euros respecto ao exercicio anterior, é dicir, un 7 % máis. “Esta cidade vive con entusiasmo a cultura, é unha fábrica de cultura e somos grandes consumidores de cultura”, declarou. O goberno municipal focalizouse en dúas áreas que teñen moito por mellorar: as bibliotecas públicas (Neira Vilas, Juan Compañel e Casa Galega da Cultura) contarán cun orzamento de 1.160.000 euros, mentres que os museos e equipamentos culturais recibirán 3.941.000 euros, cun incremento de 701.000 euros.

Todas estas cifras semellan escasas se as comparamos, por exemplo, co que se gasta nos concertos de Castrelos ou no Nadal. En 2024 esas dúas cantidades sumaron case 7 millóns de euros. Unha liña de subvencións de 80.000 euros destinada a entidades que organicen eventos e actividades na cidade, como a que veñen de anunciar nos novos orzamentos, resulta claramente insuficiente para a escena cultural viguesa. O ano pasado analizamos os orzamentos do 2025 con expertos en diversas materias. Preme aquí para ler a reportaxe.

O tema das bibliotecas merece unha análise á parte. Como xa mencionamos na reportaxe Non é cidade para bibliotecas, tendo en conta que é a cidade máis extensa e poboada de Galicia, Vigo só alberga dúas bibliotecas públicas (unha delas xestionada pola Xunta), mentres que A Coruña, cuns 50.000 habitantes menos, goza de oito municipais (mais un punto de servizo), unha provincial e outra autonómica. Non temos que ir tan lonxe nin a lugares tan concorridos para atopar exemplos de boas praxes: Redondela, con menos de 30.000 habitantes, ten dúas bibliotecas municipais e Cangas, con 27.000, ten catro.

Polo tanto, pouco máis dun millón de euros semella unha contía moi escasa para abastecer de libros a unha cidade de 300.000 habitantes, que precisa de máis espazos de estas características (e non salas de lectura) como o comer. Que barrios como Coia, Bouzas, Teis ou Navia carezan da súa propia biblioteca é unha das grandes aldraxes culturais do goberno de Caballero.

  • Melloras no MARCO: 125.000 € en cubertas e infraestruturas, ademais de 20.000 € máis para o seu funcionamento ata acadar os 770.000 euros.
  • Pinacoteca de Vigo: 40.000 €.
  • Museo Liste: achega de 127.000 € e obras por valor de 128.000 €.
  • Museo Quiñones de León (Castrelos): intervención de 206.000 €.
  • Casa Galega da Cultura: mantemento e reparacións, 45.000 €.
  • Museo Verbum: melloras por 10.000 €.
  • Casa das Artes: remodelación da segunda planta, 80.000 €.
  • Colección Colmeiro: 30.000 € para completar o pagamento da adquisición.
  • Arquivo Pacheco: plan de dinamización e recuperación, 40.000 €.
  • Bandas de música de Vigo: 233.000 €
  • Corais: 205.000 €
  • Asociación Interfolk: 115.000 €
  • Programa Vente con nós: 100.000 €
  • Orquestra Vigo 430: 150.000 €
  • Orquestra Clásica de Vigo: 60.000 €
  • Amigos da Ópera: 60.000 €
  • Ciclo Conexión Mayeusis: 60.000 €
  • Coral Casablanca: 42.500 €
  • Instituto de Estudos Vigueses: 40.000 €
  • Cine Club Lumière: 10.000 €
  • Sala Ártika: 10.000 €
  • Teatro Ensalle: 10.000 €
  • Festival “Nas Ondas”: 4.000 €
  • Concurso de corda Cidade de Vigo: 12.000 €
  • Concurso de piano “Cidade de Vigo”: 40.000 €
  • Feira do Libro: 15.000 €
  • Maratón Fotográfico: 12.000 €
  • Concertos da Filarmónica: 15.000 €
  • Sondeseu: 12.000 €
  • Orquesta KV2211: 10.000 €
  • Galician Freaky Film Festival: 6.000 €
  • Cine de montaña cos Montañeiros Celtas: 4.000 €
  • Liña de subvencións a entidades: 80.000 €
  • Programación cultural en barrios e parroquias: 230.000 €
  • Vigocultura e Auditorio Municipal: 320.000 €
  • Auditorio Mar de Vigo: 500.000 €
  • Programa de arte urbana: 450.000 €
  • Exposición inmersiva sobre Julio Verne: 175.000 €
  • Proxecto artístico no barrio do Rocío: 108.000 €
REVISTA NOVEMBRO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.