O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración
As Xornadas Culturais Mar de Galicia, promovidas pola Asociación Sociocultural Deportiva Over e previstas para este sábado no Museo do Mar de Galicia, quedaron suspendidas a menos de 24 horas da súa celebración tras a decisión do Concello de Vigo de non autorizar o evento por considerar insuficiente a documentación presentada pola organización.

Segundo explica Over nun comunicado difundido este mesmo sábado, a entidade levaba “meses traballando para sacar este proxecto adiante” e recibiu a comunicación definitiva do Concello cando xa non existía marxe para emendar posibles deficiencias. A asociación asegura que a notificación chegou “a menos de 24 horas da súa celebración”, “sen posibilidade real de presentar alegacións e dando por pechado o expediente“.
A organización sinala que presentou a comunicación para a realización do evento o pasado 30 de maio e que non recibiu resposta municipal ata o 13 de xullo. A partir dese momento, afirma, foille requirida unha ampla documentación que foi entregando “en tempo e forma”, incluíndo a homologación dos escenarios, os datos da empresa e do técnico responsable de son, iluminación e electricidade, un seguro de responsabilidade civil con cobertura superior á esixida, as autorizacións da Capitanía Marítima, da Autoridade Portuaria e do Museo do Mar, ademais dunha memoria técnica de máis de vinte e cinco páxinas e do correspondente plan de emerxencias.
Pese a iso, Over considera que toda esa documentación “era máis que suficiente para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento dunha xornada destas características”. No comunicado sostén que finalmente se atopou cunha “interpretación extremadamente rigorosa de determinados requisitos que, ao noso entender, acabou facendo imposible a celebración do evento”.
Como exemplo desa situación, a asociación asegura que unha das deficiencias sinaladas polo Concello afectaba á declaración responsable, malia que, segundo afirma, “foi elaborada seguindo o modelo oficial facilitado polo propio Concello de Vigo na súa páxina web”. “Sinceramente, cústanos comprender esta situación”, engade.
Un debate sobre a burocracia na organización de eventos
A entidade considera que o sucedido vai máis alá da cancelación dun único evento e reabre un problema que, ao seu xuízo, afecta de maneira recorrente aos proxectos culturais independentes da cidade. “Os feitos vividos nos últimos días volven abrir o debate sobre as dificultades ás que se enfrontan os colectivos culturais independentes á hora de desenvolver proxectos en Vigo”, recolle o comunicado.
Over cuestiona se “os procedementos administrativos actuais favorecen realmente a iniciativa cultural da sociedade civil ou, pola contra, rematan por dificultala ata facer inviables proxectos impulsados por asociacións e pequenas empresas”. Isto garda relación coas recentes denuncias de colectivos e promotores culturais sobre a falta de apoios a calquera proposta independente non organizada polo Concello e, sobre todo, as enormes trabas burocráticas que acaban por desgastar aos organizadores. O organismo público ten o costume de responder aos permisos con poucos días, ou mesmo horas, de antelación, malia que a documentación fose entregada en tempo e forma. Esta violencia institucional xera unha grande incerteza aos promotores, que se vén na obriga de adiantar moitos cartos sen saber se poderán celebrar o evento ou non.
Tras accidentes graves como o do Marisquiño ou a recente traxedia no Saltamontes de Matamá en 2025, o Concello de Vigo endureceu os requisitos, pero os organizadores locais denuncian que o obxectivo non é a seguridade real, senón a exención de calquera responsabilidade institucional. Se a seguridade fose realmente a prioridade, o Concello cedería material técnico e enviaría a profesionais municipais a supervisar as infraestruturas, en lugar de denegar permisos o día antes da celebración do evento. No caso das Xornadas Culturais Mar de Galicia, ademais, súmase o feito de que se trataba dunha iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, institucións gobernadas actualmente polo Partido Popular.
A asociación reclama tamén “abrir un diálogo real entre colectivos culturais, músicos, salas, empresas, promotores e institucións para buscar solucións”, co obxectivo de facilitar a organización deste tipo de iniciativas. A pesar da enorme impotencia da organización, Over insiste en que o proxecto non remata coa suspensión desta primeira edición. “Este contratempo non supón o final de XC Mar de Galicia”, afirma a entidade, que conclúe o comunicado cunha mensaxe de continuidade: “Este evento non morre. Renacerá máis forte. Recuperemos a cultura de Vigo. Recuperemos a cidade”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026
- Novidades musicais locais para escoitar cos pés a remollo - 17 Xullo, 2026
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026

