O Concello abre unha nova convocatoria de espectáculos para artistas locais en plena crise cultural

O Concello de Vigo abriu o pasado martes unha convocatoria pública para seleccionar novas actuacións artísticas e musicais que se celebrarán durante os meses de setembro e outubro na Porta do Sol e noutras localizacións da cidade. Este anuncio coincide coa cancelación de múltiples eventos na cidade por falta de apoio municipal e trabas administrativas.

Público nun concerto na Porta do Sol | P. Vázquez

Coa chegada das última semanas do verán, o Concello de Vigo comeza a traballar na programación cultural do outono. Este martes anunciaron unha nova convocatoria pública para espectáculos e actuacións musicais que terán lugar en setembro e outubro na Porta de Sol e outros espazos da cidade sen especificar. O obxectivo, segundo o Concello, “é conformar unha nova programación de eventos, cun escenario que acollerá durante varios días os espectáculos seleccionados”.

REVENIDAS

Cada espectáculo deberá ter unha duración mínima de 90 minutos e máxima de 180 minutos. As bases establecen tamén que deberán ser “propostas de interese xeral e dirixidas á maior diversidade posible de públicos”. Para a selección, adiantan, teranse en conta “a creatividade, composición, orixinalidade e innovación, a calidade artística, a singularidade do espectáculo e a tipoloxía do público destinatario”. Por último, sinalan que valorarán “especialmente as propostas locais e galegas”.

O certo é que, polo momento, non existen unhas bases oficiais onde consultar os criterios de evaluación. Os ofrecidos polo Concello na presentación son abstractos e non aclaran como van valorar sobre o papel a creatividade, o interese xeral ou a innovación, por exemplo. Este tipo de procesos requiren dun criterio profesional e dunha transparencia que non adoita estar presente noutras iniciativas municipais deste estilo. Por exemplo, cando buscaban músicos para actuar no Pazo de Castrelos hai un ano, sabemos cantos se presentaron, quen os escolleu e por que?

Este anuncio chega poucos días despois de que o festival Picnic Sesións de Saiáns anunciase a súa despedida por falta de apoio municipal tras cinco anos de vida: “Picnic nunca recibiu axuda económica do Concello de Vigo. Durante estes anos tamén fomos atopando cada vez máis trabas administrativas, esixencias, incerteza e dificultades para sacar adiante un proxecto cultural independente. E chega un momento no que hai que preguntarse: Canto máis podemos dar?”, explicaron nun comunicado.

Este non foi o único evento que cesou a súa actividade por falta de apoios ou por trabas administrativas co Concello nos últimos tempos: The Wild Fest, Son da Industria, Festa DiversXs, Carreira da Cereixa ou as Xornadas Mar de Galicia, entre outros, tamén tiveron que cancelar pasadas, actuais ou vindeiras edicións por estes mesmos motivos.

Esta nova convocatoria lembra ao ciclo de concertos de artistas locais que tivo lugar durante o verán de 2020, en plena crise da covid-19. Desde mediados de agosto ata mediados de setembro tiveron lugar múltiples actuacións de músicos vigueses en diferentes barrios e parroquias da cidade. O ciclo arrancou con atraso, anunciouse con pouca antelación e case non gozou de difusión mediática. Xa daquelas o músico Oscar Avendaño dicía o seguinte: “Estaría fenomenal que non tivese que vir unha pandemia mundial para que programen bandas locais. Só se acordan de nós cando non hai máis remedio, é unha mostra de desprezo”.

O certo é que non volveu programarse un ciclo semellante desde aquel ano. As únicas propostas que van na liña de dar visibilidade a músicos locais durante o verán son o ciclo Curiosidades Solita (oito datas) e os concertos no Pazo Quiñones de León (catro datas). O resto do ano, aínda menos. Todas as iniciativas que apoien a escena local e ofrezan un espazo para compartir o traballo son motivo de celebración, pero estas deben facerse de xeito profesional, transparente e, sobre todo, constante. De nada serve crear un ciclo de concertos e espectáculos un ano se para o seguinte xa non vai continuar. Estes proxectos requiren tempo, paciencia e unha certa sensibilidade. Non van ocupar as capas dos xornais como Chayanne en Castrelos, pero é outro xeito de facer cidade.

The following two tabs change content below.