O cinema contemporáneo e a non ficción protagonizan unha nova edición do festival Play-Doc

A vila de Tui acolle do29 de abril ao 3 de maio a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine de Tui, unha cita consolidada no panorama audiovisual galego que combina memoria cinematográfica, creación contemporánea e impulso á industria. Ademias de cine, o fetsival acolle actuacións musicais que poden cunsultarse aquí.

Maureen Fazendeiro presentando As Estaçoes en Ventura

Dirixido por Ángel Sánchez e Sara García, o festival internacional especializado en curtametraxes introduce nesta edición unha nova sección centrada no cinema contemporáneo baixo o título Cineasta en foco, que se inaugura coa obra de Maureen Fazendeiro. A súa traxectoria mantén unha relación estreita co festival, desde o recoñecemento do seu primeiro traballo ata o desenvolvemento do proxecto As Estações no marco de VENTURA, estreado posteriormente no Festival Internacional de Cine de Locarno.

A filmografía da artista franco-portuguesa Maureen Fazendeiro destaca polo uso de soportes analóxicos, a incorporación de materiais de arquivo e unha coidada relación entre imaxe e son, a miúdo construída a partir de silencios, elipses e elementos textuais como cartas ou correspondencias.

Maureen Fazendeiro | Foto: Raquel da Silva

Play-Doc reafirma así un modelo de programación que dialoga entre o local e o internacional. Nesta edición inclúense retrospectivas dedicadas a Viola Stephan (será a súa primeira retrospectiva internacional) e a Eduardo Coutinho, figura clave do cinema documental. A sección Sombras céntrase en Rafael Luca de Tena, incidindo na recuperación da historia cinematográfica galega.

A programación complétase coa Competición Galicia, escaparate da diversidade do cinema galego actual, e a Competición Internacional, con filmes de Europa, América, África e Asia. O festival expándese ademais fóra das salas con iniciativas como Cine Recorridos e proxeccións de cinema mudo con música en directo na Igrexa de San Domingos, integrando o patrimonio na experiencia cultural.

Outro dos eixes principais é VENTURA, unha plataforma de formación e desenvolvemento de proxectos fomentada desde Play-Doc e que na súa cuarta edición se consolida como ferramenta clave para a industria. Estruturado en tres fases: residencia de escritura, formación en liña e encontros profesionais, o programa culmina durante o festival con sesións de presentación de proxectos, reforzando o seu papel como espazo de intercambio e coprodución internacional.