O ciclo Girando Por Salas trae seis concertos a Vigo e a súa área

O circuíto GPS Girando Por Salas brinda a oportunidade ao público de Vigo e arredores de gozar en directo das actuacións de seis artistas emerxentes do resto do Estado nos vindeiros meses: Flecha Valona, Lluís Sánchez, Kike M, Javi Chapela, Ona Mafalda e Galerna.

GPS Girando Por Salas é un circuíto de músicas populares concibido para a promoción das músicas actuais, facilitar aos artistas emerxentes un circuíto de concertos e salas máis alá da súa propia comunidade autónoma e potenciar a música en directo. Na edición GPS15, a última realizada ata o momento, obtivéronse resultados moi satisfactorios, cun total de 147 concertos programados e cunha media de asistencia e de ocupación superior á de edicións anteriores. Inscribíronse 812 propostas, das cales se seleccionaron 22 artistas de diversas procedencias xeográficas e con estilos musicais variados. Ademais, 211 salas inscribíronse na convocatoria.

As salas de Vigo e Mos que participan nesta edición son La Fábrica de Chocolate, Sala Rebullón, Sala Supersonic e La Pecera. Os artistas son os seguintes:

Flecha Valona: É o proxecto persoal de Ezequiel Márquez, músico e compositor de Jerez, que simboliza a súa carreira de fondo dentro da industria musical cunha banda cuxo nome rende homenaxe á clásica competición ciclista que se disputa en Bélxica durante a primavera. Influenciado por bandas como Pulp, The Kinks, Weezer ou Supergrass, a súa posta de longo en edición en vinilo foi todo un éxito na xeografía andaluza.

Lluís Sánchez: Gañador da terceira tempada do talent show de máxima audiencia en Cataluña Eufòria, segue consolidando a súa carreira musical e prepárase para un 2026 cheo de novidades. Tras o éxito abafador do seu hit estival ‘Els millors dels nostres dies’ 2025 foi un ano clave: presentou nova música e actuou en grandes citas como as Festas Maiores de Lleida e Reus ou o Share Festival, compartindo escenario con artistas de referencia.

Kike M: Natural de Salamanca e artista revelación na escena do novo rock urbano de raíz co seu primeiro álbum, Antipersonal, presenta agora o seu segundo disco, un álbum directo e inspirado titulado xenéricamente Cantares de Arcilla. Baixo a dirección e produción de Iñaki “Uoho” Antón (Platero y Tú, Extremoduro, Marea…), este novo traballo supón un gran paso adiante tanto en sonoridade como en resolución.

Javi Chapela: É un mozo compositor galego que comeza a súa carreira no ano 2020. Cun son indie pop-rock e a pesar da súa xuventude, a súa música mostra unha gran madurez e un estilo propio na súa voz. O seu tema máis coñecido, ‘Sin Tiempo Para Bailar’, xunto a Íñigo Quintero, acumula máis de 24 millóns de reproducións.

Ona Mafalda: Abre camiño como profesional na escena musical internacional desde a disciplina e o seu compromiso coa creación, sen concesións: “son o que fago”. Formada musicalmente en Berklee College of Music – Boston, graduada en composición e técnica vocal, a artista, afincada en Madrid, compuxo todos os seus temas —máis de 30 publicados— dispoñibles nas principais plataformas musicais de todo o mundo.

Galerna: Son Mario, Miguel, Carlos, Lucas e Guillermo, pero tamén o foron, nalgún momento, Pablo e Javier. A maioría destes mozos de vinte anos xa formaban parte desde facía anos dunha cuadrilla de amigos de Bilbao que se uniu polo surf e pola música. Esa amizade e as viaxes a Cantabria acabaron por materializarse en cancións e, consecuentemente, nunha banda.

13/3 Flecha Valona | La Fábrica de Chocolate
12/4 Lluís Sánchez | Sala Rebullón
19/4 Kike M | Sala Rebullón
1/5 Javi Chapela | Sala Supersonic
16/5 Ona Mafalda | La Pecera
30/5 Galerna | La Fábrica de Chocolate