O Celta busca a camiseta que Madonna vestiu no concerto en Vigo de 1990

O RC Celta de Vigo vén de activar un chamamento público para localizar a camiseta que Madonna vestiu no seu concerto de Balaídos o 29 de xullo de 1990 e cuxo rastro se perdeu tras aquela noite. Despois de anos de procura discreta sen éxito, o club pide agora axuda á cidadanía e á propia Madonna para atopala.

Foto: Vitín de las Heras

O 29 de xullo de 1990, Vigo viviu un dos seus momentos culturais máis inesquecibles: o estadio de Balaídos converteuse nun escenario musical internacional cando a artista estadounidense Madonna incluíu a cidade na súa xira europea Blond Ambition. Naquel espectáculo multitudinario, a raíña do pop sorprendeu ao público ao enfundarse a camiseta do RC Celta de Vigo co dorsal 5 de Espinosa á espalda, nunha imaxe captada polo fotógrafo vigués Víctor de las Heras que perdura na memoria dos vigueses ata hoxe.

O rastro da prenda pérdese despois do concerto. Segundo o propio club, levaban anos intentando localizala de maneira discreta, pero a investigación estancouse, polo que agora piden a colaboración cidadá para atopala. Queren “recuperar esa camiseta única e irrepetible, que forma parte do noso patrimonio emocional” para incorporala ao seu arquivo histórico. Con ese obxectivo, pídese a toda a cidadanía que achegue calquera información sobre o posible paradero a través dun cuestionario na súa web.

Nunha carta aberta á cantante estadounidense publicada nas redes, a presidenta Marián Mouriño anuncia que este venres 6, previo á celebración do partido contra o Real Madrid, realizarase no estadio un chamamento a Madonna para preguntarlle “Aínda ates?”.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.