O barrio de Ribadavia continúa o seu idilio veciñal cunha imaxinativa decoración natalicia

Tras o éxito da iniciativa Arte das fiestras, onde encheron as casas tapiadas de murais, a veciñanza do barrio vigués de Ribadavia volve xuntarse para vestir de gala as rúas para o Nadal á marxe da iluminación municipal.

Quizais a iluminación proxectada polo Concello se esqueza deles, mais os veciños do barrio de Ribadavia non se podían esquecer do Nadal, polo que volveron unirse de maneira natural, como ocorre desde hai meses, para crear a súa propia decoración. Pouco orzamento, pero moita imaxinación e habilidade para vestir as casas e os espazos comúns dun espírito que envolve o ambiente.

Elementos naturais como follas de árbores, macetas recicladas que fan de campás, cintas de cores entrelazadas polos veciños… espállanse polas fachadas, polas fiestras e portas das casas do barrio; unha árbore con luces LED que trepa por un poste vello que, xa sen ningunha función, recupera o orgullo de ser útil. Unha árbore que ilumina a escuridade deste céntrico barrio que, pouco a pouco, vai recobrando vida tras anos de abandono. Pero non é a única: na pequena praza do barrio, outra árbore érguese diante dos nenos pintados nun mural, unha árbore feita polos veciños con ferros e follas de magnolio e que porta con honra unha bóla personalizada co nome: Barrio de Ribadavia. Tamén o resto das árbores se engalanaron para celebrar o Nadal, vestindo os seus troncos con seda vermella.

O verán de 2025 marcou un antes e un despois no barrio de Ribadavia. Arte nas fiestras, pintar as fiestras tapiadas, non foi só un movemento artístico que buscou chamar a atención sobre o estado de deterioro que sufría a zona; foi o xerme inesperado dun movemento veciñal que atrae cada día máis veciños para seguir propoñendo e desenvolvendo iniciativas que constrúen barrio.

Arte nas fiestras | P. Cermeño

E co Nadal, as personaxes pintadas nas fiestras das casas abandonadas ollan de esguello e sorrín, comprobando que a súa creación non foi en van. E mentres os días pasan e o balbordo destas festas chega a moitos puntos da cidade, no barrio de Ribadavia vívese a outro ritmo, con menos luces que noutras rúas, pero co orgullo de pertencer a unha comunidade que creou coas súas mans o seu propio Nadal.

REVISTA NADAL
Arte nas fiestras | P. Cermeño