REVISTA VERAN

‘O albatros negro’ enche de bolboretas a Rúa do Príncipe

Durante a primeira semana de xullo, coincidindo coa celebración da Feira do Libro, a Rúa do Príncipe énchese de bolboretas para conmemorar a boa acollida recibida pola derradeira novela de María Oruña. Con máis de 50.000 exemplares vendidos da súa versión en castelán, a editorial Plaza y Janés celebra o éxito de O albatros negro cunha acción innovadora e chamativa.

Desde o seu lanzamento no pasado mes de marzo, O albatros negro mantense nas listas de libros máis vendidos, converténdose na novela máis exitosa de María Oruña. Ademais, trátase do primeiro título da escritora viguesa ambientado na súa cidade natal. Vén de conquistar San Jordi e a Feira do Libro de Madrid, acumulando colas durante horas en ambos eventos. Agora, súmase a Feira do Libro de Vigo. A boa acollida e o éxito acadado motivaron a acción realizada pola súa editorial, Plaza y Janés: a principal vía comercial da cidade olívica está cuberta por un manto de bolboretas azuis, facendo referencia ao propio universo da obra. “Para min é moi emocionante ver estas bolboretas flotando nun punto tan estratéxico e central como é a Rúa do Príncipe, en Vigo. É coma se O albatros negro tomase a cidade, coma se a novela xa formase parte da idiosincrasia de Vigo”, declara Oruña.

O traballo de documentación e ambientación desenvolto pola autora atrae, cada semana, a numerosos lectores que buscan descubrir os escenarios de O albatros negros. Aqueles que visiten Vigo durante a primeira semana de xullo, terán a sorte de atoparse coas bolboretas. “Hai moitos lectores que me contan como están a explorar diferentes
zonas da cidade, como o Casco Vello, as praias, a costa, Bouzas… Como están mesmo, os vigueses e viguesas, revisitando e redescubrindo a historia de todos estes recunchos. Estas bolboretas son un símbolo do albatros negro; oxalá quen pasee pola Rúa do Príncipe desfrute atoparse con elas”
, confesa a escritora.

Bolboretas na Rúa do Príncipe | Cedida

A historia arranca na praia da Calzoa, cando unha vella historiadora naval aparece morta tras atopar a pista que a podería levar ata un dos tesouros máis codiciados do mundo submarino. Investigando a morte da muller, Oruña lévanos ás profundidades da ría de Vigo, onde xacen os restos da batalla de Rande que enfrentou, a comezos do século XVIII, ás coalicións angloneerlandesa e hispanofrancesa durante a guerra de sucesión. A escritora traza unha historia fiada en dúas liñas temporais: o Vigo da actualidade e a vila amurallada de hai catro séculos. “Vigo foi un porto pirata e corsario moi importante naquela época, interesábame investigar como era a cidade naquela altura”, explica a autora que, ademais, sinala que os protagonistas da parte histórica están inspirados en personaxes reais.

RIO VERBENA

As Cíes, a Ensenada de San Simón, as prais de Coruxo, o Berbés e o Palacio de la Oliva son algúns dos escenarios que se poden recoñecer facilmente ao ler a novela, coa que María Oruña reivindica a importancia histórica da cidade. Para ler un artigo con máis información sobre O albatros negro, preme AQUÍ.